MULLERES «ACTIVAS»

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL

26 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Leo no suplemento dominical dun xornal as declaracións dunha artista española de cine porno acerca da súa ideoloxía feminista, e dígolles que estou verdadeiramente sorprendida. Debo de estarme facendo vella a pasos axigantados. A rapaza, que ten vintetrés anos, di: «Quiero cambiar el papel de la mujer en el porno, que sea más activo. Yo hago los guiones con Ramiro -Ramiro é o seu mozo- y meto cizaña para que sea más feminista». Para empezar, a min nunca se me ocorrera que se puidera facer un porno feminista, pero, ben mirado, ¿por que non? Sería cuestión de pensalo. Como parecía que esta artista xa o tiña non só pensado senón levado á práctica, seguín lendo para tomar nota: «Por ejemplo, en mi última película violo a una pareja y terminamos con un trío. No se trata de que hagamos películas cursis. Lo que no me gusta es la violencia. La mujer debe tener más papel y ser más activa». Non sei eu como se compaxina o de non gustar da violencia e o de violar a unha parella, nin que ten que ver eso coa defensa dos dereitos da muller. Pero, en fin, a cousa non tería maior importancia se non estivese na mesma liña de outras manifestacións actuais que me parecen preocupantes. De un tempo a esta parte aparecen nas novelas e no cine un tipo de muller que xa ten sido calificado de fálica por algúns estudiosos da socioloxía. Trátase dunha muller que reproduce no seu comportamento actitudes que ata hai pouco se consideraban exclusivas masculinas. Por exemplo, as dúas protagonistas da película francesa Fóllame de Virginie Despentes, que se adican a violentar e asasinar sen ton nin son ós homes que lles apetece. Ou o personaxe interpretado por Linda Fiorentino en La última seducción, unha muller que no traballo insulta e abronca ós executivos que dependen dela dunha forma violentísima, e que na vida íntima, por exemplo, non ten ningún reparo en esixirlle a un home a quen acaba de coñecer que lle mostre aquelo de que presume para comprobar que en efecto val a pena. A esto habería que unir, quizais, os estereotipos representados polos ángeles de Charly ou a teniente Ripley da serie de Alien, ou a Lara Croft interpretada por Angelina Jolie. Non cabe dúbida de que todas elas son activas, todas elas se igualaron ós homes na violencia e na agresividade de seu comportamento. Pero ¿son comportamentos feministas? ¿Eran estas as reivindicacións polas que loitaron tantas mulleres ó longo de case dous séculos? A min non mo parecen, pero por se acaso ando eu atrasada de ideas vou falar coa miña amiga Ana Míguez, que sabe moito desto, e xa lles contarei.