RESTRICCIÓNS NAS LIBERDADES

La Voz

OPINIÓN

CARLOS TAIBO

23 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Sabido é que nos últimos meses foron maioría os gobernos occidentais que optaron por establecer restriccións en liberdades e dereitos. O fenómeno ten levantado dúas reaccións que merecen atención. A primeira maniféstase en xentes que, en estricta aplicación do poema brechtiano, consideran que a cousa non vai con elas, de tal xeito que as agresións contra liberdades e dereitos só están chamadas a prexudicar a terroristas e grupos marxinais. Semellante forma de razoar é tanto ou máis inquietante, se cadra, que as propias medidas que nos ocupan, toda vez que reflicte que estas dispoñen dun franco apoio social. A outra reacción perversa subliña que as restriccións non existen ou, no seu defecto, teñen un relevo menor. Quen tal afirma mostra un descoñecemento dunha realidade moi delicada. Pénsese, sen ir máis lonxe, que en EE UU están a aplicarse leis que permiten unha sensible ampliación das capacidades da policía ou autorizan a escoitar e gravar, sen previa decisión xudicial, as conversas entre avogados e clientes. Ao abeiro de medidas como estas, e en virtude dun xenófobo procedemento, cinco mil mozos orixinarios do Oriente Próximo foron sometidos a interrogatorio nos últimos meses, mentres se mantén a situación de detención de 600 persoas sen que pesen acusacións sobre elas. Para que nada falte, o goberno estadounidense parece decidido a establecer tribunais marciais nos que non opera a presunción de inocencia, os acusados se ven privados do dereito a escoller avogado, as apelacións están prohibidas e para pronunciar unha pena de morte abonda co voto favorable de dous tercios dos xuíces, todos eles militares. Claro é que os membros da UE non van por detrás. Así, no Reino Unido a nova lei antiterrorista permite deter sen procesamento, e sobre a base de probas secretas, a estranxeiros presuntamente perigosos e crea, segundo Amnistía Internacional, «un sistema de xustiza criminal pantasma». En Alemaña agroman medidas de afortalamento das potestades da policía, de ampliación das capacidades dos servicios de información, de endurecemento das condicións de entrada no país e de rápida expulsión dos sospeitosos de vínculos con actividades terroristas. Polo que a Italia se refire, un proxecto de lei en proceso de discusión sinala que os servicios secretos poderán cometer delictos nas súas accións sen por iso ser obxecto de persecución. En España, o Goberno parece teimar en que a UE asuma medidas contra organizacións políticas que os propios xuíces españois consideran legais, ao tempo que se anuncian fórmulas de represión chamadas a aplicarse, de forma indiscriminada, contra os grupos que contestan a globalización neoliberal. Se hai algo que merece singular atención en todo isto é a énfase que moitos discursos gobernamentais depositan na idea de que as medidas que nos ocupan recaerán, case en exclusiva, sobre os estranxeiros. Semellante feito, lonxe de ofrecer un acougo, é un indicador máis da miseria que asolaga arestora ás nosas sociedades.