CARLOS CASARES
17 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A última vez que vin a Cela foi no pasado mes de outubro, na sede da Fundación, en Iria Flavia. Había moita xente, pois aquel mesmo día inaugurábase o auditorio, e asistían o presidente do Goberno, o presidente da Xunta, algún ministro e varios conselleiros. Na longa espera, mentres non chegaba José María Aznar, Cela estaba sentado nunha silla, máis propiamente vello que fatigado. Nun momento fíxome un sinal para que me achegase. Acerqueime e preguntoume que cómo ía aquelo que traiamos entre mans. Respondinlle que ben, aínda que non era certo. Deume as gracias, quedou tranquilo e díxome algo da Fundación. O que traiamos entre mans era a publicación dun libro cos textos escritos en galego ou sobre literatura galega dados a coñecer na revista Papeles de Son Armadáns, que el editaba e dirixía en Palma de Mallorca. Quería que se vise o que fixera a ese respecto. Teño o material diante: poemas de Celso Emilio Ferreiro e Manuel María, crítica de libros de Méndez Ferrín, unha colección de poesía galega... Todo eso, nos anos cincuenta. Non tiven tempo para traballar con ese riquísimo material, que recuperara unha bolseira na biblioteca da Fundación. Eu sabía que a Cela lle facía ilusión velo editado canto antes, pero ninguén contaba con que a morte chegase tan rapidamente, cando empezabamos a organizar o curso de verán deste ano no que andamos. Lamento non cumprirlle ese último gusto, tan desexoso como andaba el de que lle recoñecesen a súa condición de galego. Non creo que fixese falta: aí está a riqueza incomparable da Fundación, pola que lle daban varios miles de millóns nos Estados Unidos, e que quixo levar para a terra de Iria. Como o seu corpo.