XESÚS ALONSO MONTERO
14 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Ortega dixo, nun famoso ensaio, que Pío Baroja viaxaba por ver xente e Azorín por ver libros. Eu, sempre que viaxo, trato de imitar a Azorín e a Baroja. Acabo de estar na Habana, viaxe que levaba adiando anos e anos por razóns que moitos camaradas meus comprenderán. Educados os nosos mellores entusiasmos nas cancións de Sierra Maestra e na engaiolante Revolución de 1959, viaxar, 43 anos despois, a Cuba é tanto como viaxar a un territorio onde aquelas cancións -no dicir de moitos- soan con menos forza, mercé, en parte, a mil dificultades perpetradas desde o exterior. A min leváronme á Habana razóns eruditas: cartas inéditas de Curros Enríquez, por unha parte, e o mercado de libros da Praza de Armas, onde adquirín dous libros galegos de moi especial valía. Tamén batín, na biblioteca dun colega, Ricardo L. Hernández Otero, cun exemplar de Galicia mártir, exemplar no que as terribles estampas de Castelao (1937) aparecen ilustradas por senllos poemas, inéditos, de Mirta Aguirre, escritora moi comprometida coa nosa causa. Pero eu, discípulo tamén do viaxeiro Pío Baroja, achegueime ás xentes, falei coa xente, sobre todo polas rúas nas que viviu, hai cen anos, Curros Enríquez. Nos meus quince días na Habana aínda dedicando ás bibliotecas non poucas horas, enchín unha libreta cunha especie de diario no que tamén consignei as miñas incursións no mundo dos libros: no Arquivo Nacional, no Instituto de Literatura e Lingüística e na Fundación Pablo de la Torriente Brau, nome este dun escritor revolucionario que morreu nas aforas de Madrid (en Majadahonda), como brigadista, o 19 de decembro de 1936. No meu diario consigno pequenas peripecias, non todas positivas. Sabido é que a deslumbrante experiencia política que Cuba iniciou o 1 de xaneiro de 1959 foi sometida desde fóra, durante estes 43 anos, a hostigamentos que abortaron, en parte, modos políticos de expresión plural que, onte coma hoxe, postulan os marxistas máis radicais. Ese hostigamento -ese vento bravo do Norte- condiciona precariedades económicas que doen especialmente: sendo o país de máis médicos de América Latina, dispón de moi poucas medicinas, e sendo o único país que, nese inmenso territorio, erradicou o analfabetismo, os centros escolares carecen dos medios desexables. Nunha sociedade tan pouco publicitaria, hai un eslogan no que é imposible non reparar: «Hoy doscientos millones de niños duermen en la calle; ninguno de ellos es cubano». Teño un amigo marxista que estaría disposto a facerse semicapitalista se, dentro de dez anos, esta pancarta puidese ergerse en Río de Xaneiro, Caracas, Bogotá, Bos Aires, México e Santo Domingo.