COUCES DE MULA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

12 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Anda o mundo da literatura conmovido polas labazadas que se deron Vicente Molina Foix e Manuel García Viñó no programa de televisión que dirixe Fernando Sánchez Dragó. Había tempo que non se producía un incidente desas características entre xentes de letras, que antes, en cambio, eran bastante frecuentes. Todo o mundo sabe que Manuel Bueno lle pegou un bastonazo a Valle-Inclán, a consecuencia do cal o escritor galego perdeu un brazo. O número de poetas que se bateron a espada é infinito, case sempre sen graves consecuencias, aínda que Alexander Pushkin perdeu a vida fronte a destreza do barón Georges dïAnthés. Cando eu estudiaba no instituto de Ourense, vin unha pelexa entre un conferenciante, que estaba falando sobre o teatro de Ibsen, e un señor do público. Non me acordo ben do motivo, aínda que teño unha idea de que foi durante o coloquio, cando o espectador fixo unha pregunta que o interpelado tomou por impertinente. O caso foi que este lle arrebolou cun libro á cabeza, que por certo lle pasou rozando a don Vicente Risco, que asistía. Unha vez, en Santiago, alá polos anos sesenta, o pintor Laxeiro chegou todo acontecido á casa de Ramón Piñeiro, na rúa de Xelmírez, para contarlle a pelexa que acababa de presenciar no Café Derby, entres dous coñecidos habitantes do mundo da arte e a literatura. Curioso por saber qué pasara, Piñeiro preguntoulle ó pintor cal fora o motivo da disputa. Este respondeulle: «¿Hai unha cousa que se chama Arabia Saudita?». Naturalmente, o interrogado respondeulle que si. Entón Laxeiro aclaroulle: «Pois por eso». A pelexa consistira nuns golpes na cabeza. Aínda que a literatura adorna estas cousas, no fondo son como couces de mula.