A FOTOGRAFÍA

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES

11 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Non deixa de ser un pouco triste (e sintomático) que teñan que pasar doce anos para poder ver nos xornais esta fotografía: Xosé Manuel Beiras e Manuel Fraga dándose a man e comendo xuntos para falar do país. Non se trata de que teñan que estar de acordo. Trátase de establecer e cultivar, con intelixencia, o necesario marco de diálogo, de educación, incluso de formas e urbanidade que debe facer posible o desenvolvemento racional (non visceral) da actividade política. Que cheguemos a isto doce anos despois, ou vintecatro, se botamos contas dende a Constitución do 78, non deixa de ser descorazonador. Ben poden reflexionalo ambas partes. E sen embargo, benvido sexa o xesto e maila ocasión. Somos moitos os que cremos que en política, que ten un alto compoñente de representación simbólica, as formas son moi importantes, e que a educación, incluso certa cordialidade, non é incompatible coa defensa das posturas máis radicais, sempre que se respeten os principios democráticos. Xosé Manuel Beiras viña enguedellado nos últimos anos nunha retórica de teatralidade que se cadra lle deu certos votos nalgún momento, pero que cada vez estaba a ser mais contestada, por estéril e inoperante, dende amplos sectores da súa propia organización e os seus votantes. Outrosí a política do PP, sobre todo dende Madrid. A experiencia recente da LOU é un exemplo. A prepotencia, a intransixencia, a aplicación matemática das maiorías en cuestións de alta significación estratéxica, a falta de habilidade para atopar fórmulas de consenso, unida a intervencións públicas nalgúns casos na fronteira da provocación, convertiron as discrepancias nun auténtico incendio xeralizado do que, por riba, algúns aínda presumen. Se algo positivo tivo a chamada Transición foi a creación dun espacio de diálogo que permitíu o período máis longo de estabilidade democrática que se recorda. O encontro Beiras-Fraga, con Touriño incluído, debería ser capaz de reconstruir ese marco. Non para pactar nos restaurantes, senón para abrir no Parlamento, sen arroutadas escenográficas, o debate necesario que permita deseñar os tres ou catro grandes planos estratéxicos que Galicia necesita para avanzar no novo século: a nosa presencia en Europa, a planificación da sociedade do coñecemento, a formación do capital humano, a cuestión demográfica, a administración dos recursos naturais, cuestións básicas nas que levamos perdido un tempo precioso e que, por riba, teñen prazo fixo (o ano 2007). Desdramatizar as relacións, desterrar a retórica das representacións, estabilizar as pontes de diálogo e respetar as formas e os dereitos do adversario son principios básicos para debatir diante da sociedade galega eses grandes asuntos fundamentais para o noso futuro. Felicidades, pois, por esta proba de madurez e de intelixencia, que puido producirse antes, pero que nunca será tarde se a sabemos xestionar.