DIFERENTES RELIQUIAS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

09 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Na cidade de Los Angeles, nos Estados Unidos, vive un señor que se chama Roger Richman e que ten o encargo, por acordo dos herdeiros de Einstein, de velar polo correcto uso da súa imaxe, os dereitos da cal están protexidos pola lei. Os criterios da axencia que dirixe son, xa que logo, moi claros e nunca se autoriza nada que poida ir en contra do bo nome ou a dignidade do famoso físico que formulou a teoría da relatividade. Por exemplo, Richman nin permitiu nin vai permitir endexamais que se empregue ningunha fotografía do sabio como reclamo dunha barbería. Sen embargo, desde hai anos, ten un problema. O problema consiste en que, cando morreu Einstein, o médico que lle fixo a autopsia, un tal Thomas Harvey, do cal xa falei aquí hai anos, quedou co cerebro do morto, e desde entón non houbo maneira legal de obrigarllo a devolver. Ten pintado a cana verde con el, mesmo ata dividilo en centos de anacos, sempre co propósito confesado de estudiar o segredo da intelixencia daquel home. De momento, ese misterio segue sen desvelar. Eu creo que eso de estudiar a intelixencia é unha desculpa. Pasou igual cos rusos, que dividiron o cerebro de Lenin en tres mil cachos para chegar á conclusión de que non se trataba de nada superior ós demais. Nin sequera se tirou nada en limpo cando fixeron o mesmo co escritor Ivan Turgenev, que era cabezón e resultou ter un cerebro de case catro quilos. O que pasa é que a algunha xente lle gustan as reliquias. En Normandía din que teñen un brazo de María Madalena e nun pobo de Italia unha orella de Adán. Na universidade de Pennsylvania tiñan o cerebro de Walt Whitman, ata que por error un bedel o tirou ó lixo.