ISAAC DÍAZ PARDO
06 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O 29 de novembro último cumpríronse cen anos do falecemento deste mestre do federalismo. No ano 1892 estivo en Galiza. Asistiu á inauguración do mausoleo que lle erixiran en Fontei da comarca valdeorresa ó seu discípulo predilecto Telesforo Ojea, finado no 1890 ós 32 anos. Logo estivo na Coruña, con moita espectación, onde o republicanismo federal dominaba. Parece que o federalismo hoxe se está abrindo camiño cara a un recoñecemento do Estado plurinacional que é o Estado español. O federalismo non é unha panacea, porque nos actuais estados federais hai de todo. Na América latina, onde os temos, cecais por suxestión das ideas do republicanismo federal que predominaba na penínsua, está por exemplo a Argentina como unha república federal que a cada intre as provincias federadas sofren a intervención dos poderes establecidos na capital federal, polo que se explica que os arxentinos hoxe lle chamen ó Goberno que se acaba de establecer como un sistema provinciano, referíndose a que foi imposto por Buenos Aires, provincia e capital federal. Penso que as reflexións que fai Castelao no Sempre en Galiza sobre o federalismo esgotan o tema. Castelao valora cando Pi i Margall se atopa con Brañas e lle recoñece que o seu rexionalismo galego avantaxa ó federalismo español en que por sí xa é un sistema político. «O centralismo é un carro con rodas desiguaes», di Pi i Margall. «No que é imposible viaxar sen perigo de morte», engade Castelao. Cando lle conviña a Castela, como no ano 1808 durante a invasión napoleónica formouse un tratado de federación perdurable entre Galiza e Castela, como un primeiro paso para cambios máis amplios, por unha nosa Xunta do Reino de Galiza. «Logo a insufrible tiranía de Fernando VII produciu no noso país, xa non a dúvida amorosa, senón o franco desexo de se arredar da Hespaña para ingresar en Portugal». Castelao recoñece que os republicanos federais do 1931, aínda sendo máis conscentes do problema peninsuar que os da República do 73, ninguén chegaba á pureza liberal e democrática que tiña Pi i Margall, aínda que a admiración que sentían por el, e lle chamaban «o mestre», non entendían ben a urxencia do federalismo peninsuar. Así entraron na República do 31 para facela federal, e saíron deixándoa en federable. É difícil que neste maremagnum de ideas e intereses, falla de ver no fundamental co enquistamento de sabias especializacións, se poda construír, ou reconstruír, un país de forma racional: buscar o millor da nosa tradición, e defender o noso, o que nos pertence, sen illarnos do mundo. E temos moita xente que sabe moito, mais como di Castelao nin cada un destes importantes sabios que tivemos na nosa historia, ningún deles nin todos eles xuntos foron capaces de erguer a intransferible autonomía moral de Galiza á categoría de feito indiscutible e garantizado.