PRÓXIMOS OBXECTIVOS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS TAIBO

02 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que o conflicto bélico afgano non está rematado, nestes días os analistas dedican a súa atención a discutir os que se intúen os próximos obxectivos militares estadounidenses. O pouco que sabemos ao respecto é que, para enfrontalos, as autoridades norteamericanas estiman que non compre demandar permiso a ninguén, en virtude do que seica é unha interpretación singularísima do significado do verbo repeler. Ademais, aos ollos do secretario de Defensa, Rumsfeld, son os obxectivos os que determinan a coalición internacional de apoio, e non esta a que debe establecer aqueles. Os que pensaban que Estados Unidos está a desenvolver unha xenuína diplomacia multilateral terán que revisar, parece, as súas percepcións. Polo que fai agora, e deixando a carón a posibilidade de que os moderados se impoñan e consigan cancelar calquera nova acción militar, os horizontes son dous. O primeiro é o configurado por operacións cirúrxicas desenvolvidas, se cadra, coa axuda de axentes locais e sen vontade de botar abaixo gobernos e controlar territorios; isto é o que pode abrirse camiño en Iemen, en Somalia e en Sudán. O outro ofréceo Iraq, un país que reclamaría de operacións moitos máis ambiciosas, orientadas, chegado o caso, ao derrocamento do réxime de Saddam Hussein. O que se albisca nos dous casos é, de calquera xeito, un intento de universalizar o impresentable modelo que Estados Unidos -en cooperación co Reino Unido- desenvolve no propio Iraq desde hai dez anos, e que permite bombardear a capricho, sen restricción nin control ningún, o territorio dun estado soberano fronte ao criterio maioritario, por certo, no seo da comunidade internacional. Este semella o momento axeitado para lembrar, iso si, que a política de Washington non é precisamente consecuente. Nos primeiros días da crise na que estamos inmersos, os voceiros norteamericanos subliñaron que Estados Unidos actuaría, e de forma contundente, contra os países que acubillan e financian movementos terroristas. Segundo esta regra, entre os primeiros obxectivos das accións militares estadounidenses deberían contarse o aliado árabe saudí e, naturalmente, o propio Estados Unidos, que ata hai ben pouco non dubidou en prestar apoio financeiro e instrucción militar a grupos vencellados co islamismo máis alporizado. Que recen os cidadáns norteamericanos e que Bin Laden non acabe por encontrar acougo nos arrabaldes dalgunha vila estadounidense. Non vaia ser que Atlanta, Pittsburgh ou Las Vegas deveñan, conforme ao modelo aplicado en Afganistán, obxectivos dos B-52 e escenarios de eventuais efectos colaterais.