FERMÍN PAZ LAMIGUEIRO (Secretario nacional da Federación Químicas-enerxía da CIG)
28 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Estes días séntese falar moito da enerxía eléctrica por mor dos cortes da subministración padecida recentemente en Catalunya e no centro do Estado. Os que cobran por falar e por escribir nos medios de comunicación especulan e as empresas mais os gobernos «xustifican» os apagóns. Nun tema de tanta transcendencia para os cidadáns canto silencio e tan pouca luz, e seguramente só volveremos a tocar de oído cando se presente de novo o problema. O anormal deste pseudodebate é que, outra volta, reaparece en escena a enerxía nuclear e algúns queremos avisar a navegantes por se acaso a pretenden coar pola porta de atrás. Os motivos que provocan os cortes son diferenciados; no caso catalán debeuse a erros na rede de subministración e, no que respecta a Madrid e o Levante español, houbo incapacidade do sistema eléctrico para producir máis enerxía diante duns elevados consumos. Pois ben, se no primeiro dos casos hai unha responsabilidade evidente das compañías eléctricas na falla de investimento e mantemento das liñas que permitan atender axeitadamente a demanda, no segundo caso o Goberno do Estado non pode eludir as consecuencias da liberalización en relación coa falla de produción. Cando no ano 1997, o Goberno do PP aproba a Lei 54/97 do Sector Eléctrico, rebáixase a cualificación do sector, considerado até daquela como de servizo público e pásao a denominar só como servizo esencial. Aínda máis, desde ese ano abandónase a Planificación Enerxética e privatízase a empresa pública. Pero non quedou aquí a cuestión. No ano 2000, co Real Decreto 6/2000, nun suposto impulso liberalizador e para incrementar unha teórica competencia, impúxose unha moratoria no incremento de centrais de produción ás empresas eléctricas, e así unha delas non pode incrementar potencia deica xullo do 2003 e outra deica xullo do 2005, e agora nun ano de seca e condicións atmosféricas adversas, non hai capacidade para atender a demanda. Polo tanto, esta situación é imputábel a lexisladores e gobernantes, principalmente o Partido Popular. En Galiza, pódense producir problemas desta natureza por tres vías. En primeiro lugar na rede de distribución en alta porque é necesaria algunha infraestructura máis que en momentos determinados poida interconexionar os territorios do noso país. En segundo lugar, o esgotamento dos lignitos pardos debe provocar unha aposta decidida pola completa transformación das térmicas de As Pontes e Cerceda para consumir carbón importado e, tamén, por levantar a moratoria gobernamental que dificulta a construción de ciclos combinados agás en Galiza, o cal nos daría unha maior diversificación na materia prima e consecuentemente incremento da garantía de subministración, ademais de favorecer a construción dunha necesaria rede de gasificación no país, xa que a existente, inaugurada no ano 1997, é claramente insuficiente. En terceiro lugar, a rede de distribución en baixa que necesita un forte investimento para a súa modernización por parte das empresas subministradoras. Vai sendo hora de que a grande capacidade galega para producir enerxía eléctrica, en térmicas, hidráulicas, eólicas e biomasa teña correspondencia co servizo e coa atención á cidadanía. Hoxe en día temos unhas malas liñas de distribución con cortes frecuentes e mesmo con lugares sen electrificar e isto é unha responsabilidade compartida das compañías eléctricas e da Administración autonómica que permite esta situación. Este contrasentido de exceso de produción e mala distribución é impensábel en termos de administración pública eficiente que sabe que un país debe equilibrar estes parámetros (entre outros), para achegarse á converxencia con outros territorios da escena europea do mercado común. Desta crise enerxética podemos tirar algunhas conclusións, a saber: o falar no ten cancelas e máis que falar por facelo precisamos debater e lexislar actuacións urxentes que nos sitúen no escenario de enerxía eléctrica -servizo público- calidade e garantía na subministración.