XOSÉ L. FRANCO GRANDE
28 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Nuns tempos en que tanto se fala contra o nacionalismo, non estará de mais subliñar que aquí, e non digamos en Cataluña, foron os nacionalistas os que máis apertura ó exterior teñen practicado: Otero, Plácido Castro, Risco, García-Sabell e unha longa nómina que está na mente de todos, agás os túzaros que non o queiran ver. Hai dez anos dáse un paso máis coa fundación do Instituto Galego de Documentación Internacional, co que Xulio Ríos acomete a empresa de que Galicia conte con instrumentos de seu para comprende-lo mundo dende aquí mesmo, sen necesidade de que nos cheguen por camiños indirectos ou interpostos. Tivo tamén o acerto de recuperar para estes fins a Pérez-Barreiro e a Ramón Lugrís, expertos na materia se os hai. O mesmo Xulio Ríos vén de publicar Sempre no mundo, libro que nos abre ás máis acesas realidades e conflictos nos que agora mesmo se está xogando o porvir da humanidade. Penso que é a primeira vez que se publica en Galicia un libro destas características e cunha intención tan clara de ver dende aquí o mundo de hoxe. Levaredes unha moi grata sorpresa se o ledes. Lede tamén o intelixente prólogo de Pérez-Barreiro. Libro e prólogo, un consolo entre a vulgaridade que nos arrodea.