FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
25 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Tomamos nas nosas mans unha Segovia dexergada cos ollos do 98. Por exemplo, a de Baroja en Camino de perfección. Seguimos as liñas cardinais da sucesiva, andarega, visión barojiana. Desde alí dominábase a cidade. Enfrente tiña a catedral, altísima, amarelenta, de cór de barro, cos seus pináculos negrados, rodeada de casas ateixadas. Máis abaixo corría a almeada muralla desde o acueducto que se ollaba unicamente pola súa parte alta, ata un risco fronteiro a aquel no que se erguía o Alcázar... De vez en vez saía o sol e iluminábao todo cunha luz de ouro esluado... Nunha fenda do monte, unhas mulleres falaban sentadas no chan. Unha delas, barbuda, de ollos encarnados, tiña unha tixola sobre unha fogueira de achas que botaba un fume irrespirable... O pobo enteiro parecía abrollar dun bosque, coas súas casas amarelecidas, icticas de maderaxe ó descoberto. De tellados vellos, roñosos como manchas de sangue coallada. As súas casas novas con brancos paredóns de mampostería, persianas verdes e tellados bermellizos de cor de tixola recén feito. Ollábanse ás costas do pobo, lombas calvas, baixas cuiñas, brancas de ocre, violáceas, de siena. Si así é, pero desta terra e deste pobo abrollou un miragre, o miragre da historia. ¿Como foi posible? Baroja pareceu sentir a urxencia desta pregunta. Mesmamente cando Fernando Osorio, heroi sen heroismo de Camino de perfección ollou por un momento a Segovia edificada sobre unha montaña: «No cume dela, rachando o ceo coas súas mil torres, a mística Xerusalén, a dos inefables soños dos santos». Pero a Osorio, dixo Baroja, «faltábanlle os medios de representación para fixar aquel ensoño». Detrás de todo iso estaba o Toledo do Greco. Pero na terra e na arquitectura había paixón marteirosa e anceio. Cousas ben diferentes da humildade íntima e delicada que, baixo a marabilla do seu dourado rostro, teñen a arquitectura e a terra de Segovia. No cadro do Greco, Toledo arremuiñase cara o ceo. No barojiano que pintou Juan Cabanas, Segovia recóllese, aprétase en si mesmo, baixo a ollada trasparente entre o azul e os celaxes. Aquí embaixo atópase o dramático lume do chao amarelo e bermellizo. A ternura verde dos olmos nas humildes robeiras. O ouro e gris das perlas. O bermello e o ocre da terra cocha. Enriba, creontemente debuxada, unha realidade célica que vela polas dúas cidades dolentes. E recolle asemade o sentido do seu esforzo. A Segovia de Baroja e a Toledo do Greco reflexan unha franxa humana e histórica entre unha realidade visible e un creído ensoño. Ámbolos dous, o novelista e o pintor, ofreceron nas letras e na plástica unha visión singular das cidades que interpretaron.