XESÚS ALONSO MONTERO
20 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Na fala enxebre, en toda Galicia, dise Vou ó monte e nunca Vou ao monte, pero como algúns (ou moitos), falen como falen, escriben Vou ao monte, hai locutores e locutoras da televisión, pouco instalados no galego enxebre, que pronuncian como se escribe, como lles escriben. (Emprego enxebre no sentido de puro, tal como explicou Dámaso Alonso nun maxistral traballo de 1947). Cando vou á aldea, para non desenxebrizarme, algúns vellos amigos, que nunca foron a clases de galego, quéixanse dos locutores e das locutoras que van ao monte cando deberían vir -di o máis lido- ós nosos eidos para oí-la fala enxebre. A eiva fónica tamén a prodigan profesores e parlamentarios que non teñen o idioma galego como instalación. É unha mágoa que certos profesionais públicos da palabra vaian, unha e outra vez, ao monte e aos biosbardos. Algúns deles, por certo, xa pronuncian pan i viño aínda que o redactor da noticia lles escriba pan e viño. (Na miña aldea rinse a cachón dos que falan polo i, eiva que algúns atribúen a lusismo e outros a castelanismo). Vir ó rego En calquera caso, é unha mágoa que non veñán ó rego os profesionais da palabra, dos que depende, en boa parte, o estatus culto do noso idioma oral, un idioma que moitos deles inzan de pintorescas conxuncións (pan i viño, xamón i touciño, cerdeira i nogueira). Volvendo ó rego (á contracción da preposición a e o artigo o ou os), comunico ós lectores que a cuestión xa foi obxecto de polémica hai cen anos. En efecto, a comezos do século XX, erixiuse ós liberais fusilados en Carral no ano 1846 un monumento cunha lenda (Aos mártires...) que suscitou unha longa controversia na prensa, recolleita, en 1907, nun volume co título Barbarismos de la inscripción del monumento a los mártires de Carral. No curioso volume, impreso en Buenos Aires, publícase, en apéndice, Falar enxebre, expresivo poema dun tal Ramón da Penela que comeza deste xeito: Os escritores da vila / que poñen «ao labrego» / han de saber que en gallego / o «ao» xa non se estila. / Eu fun por Galicia adiante / e polo «ao» perguntei, / i en ningures atopei / unha moda somellante. Ramón da Penela, poeta valdesiano dun feito fónico nunha composición de 12 estrofas, na novena decreta: Digan, pois, en Portugal / ao, que dirán moi ben, / mais non o diga ninguén / acá, que dirá moi mal. A pugna entre oístas e aoístas estivo presente noutras páxinas, case sempre favorables á solución enxebre: á do país. No Origen filológico del romance castellano (Santiago, 1905, p. 322), o heroico autor, Manuel Rodríguez Rodríguez, considera ao «lusitanismo intolerable». O esquecido gramático Manuel Rodríguez, como é sabido, era cego, pero non xordo.