HISTORIA DUN LACÓN

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

13 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O outro día estiven comendo cun grupo de amigos, sen máis propósito que o de vernos e pasar xuntos un par de horas de lecer. Falouse de moitas cousas, ningunha demasiado importante, aínda que esto da importancia, como se sabe, é relativo. A auga que a nós nos sobra en Galicia sería como ouro para un saharaui, poñamos por caso. Digo esto porque eu, por exemplo, valoro máis unha pequena anécdota ou un detalle pintoresco que un feito solemne ou transcendente. Se digo a verdade, para min, o máis importante do que alí se falou non foi nada que puidese chamar a atención, senón unha cousa menor. Un dos comensais confesounos que desde hai máis de trinta anos, por estes tempos de nadal recibe sempre un lacón como obsequio. Empezou sendo o regalo dun señor que o apreciaba, aínda que non me quedou claro se fora por causa dalgún favor dispensado ou por simple amizade. Tanto ten. O que interesa é o xesto en si, sobre todo pola constancia, sen que o cansancio iterrumpira o costume unha soa vez. Non resulta fácil ser tan fiel. Pero non queda aí a cousa, pois o señor que iniciou esta especie de rito amistoso morreu hai tempo. Sen embargo, o mesmo ano que faltou, o lacón chegou como era costume. Sorprendido, o beneficiario deulle a entender á persoa que se presentou co paquete que non esperaba nada naquela ocasión, pero o home respondeulle que o seu pai tiña dito moitas veces en vida que non quería que por nada do mundo se deixase de cumprir con aquela especie de foro ou de quiñón. Eu non sei se a un lle poden pasar cousas máis importantes ca esta, pero dificilmente serán máis fermosas. Por eso o conto aquí, como homenaxe a un ser cabal.