POSTERGAR O QUE ESTÁ VIVO

XESÚS FERRO RUIBAL MEMBRO DA REAL ACADEMIA GALEGA


A Proposta contén 32 series de cambios na Norma que poucas veces se xustifican en que agora coñecemos mellor o galego histórico e o vivo; en moitos casos ten tódalas trazas de ser un quitarlle á Norma aspectos incómodos para a disidencia: así elimínanse as xustificacións científicas de formas coma Galicia, pero, parte da segunda forma do artigo e da opción preferente por -ble contra -vel/-veis. Non parece que estas supresións impliquen que eran erróneas: máis ben parecen supresións estéticas ou estratéxicas. Noutros casos, son simples concesións (faculdade, dificuldade, puberdade), incoherentes, por veces, co resto da Norma (conflito, diccionario). Noutros casos é a aglutinación dalgunhas locucións, coma amodo, devagar, talvez, que contradí a liña analítica da Norma e deixa na indefinición numerosas locucións non tratadas. Para cada caso parece haber un criterio distinto (eu contei ata doce). O resultado é sempre coincidente co portugués e, algunha vez, discordante co uso maioritario, que para os autores da Proposta parece ser secundario.Como resultado de negociación, a Proposta destaca por ter unha serie de formas dobres o/-lo, ao/ó, -ble/bel, -aría/-ería, ouvir/oír. Dise que como fórmula de concordia é boa, pero a experiencia dinos que as formas que quedan como secundarias desaparecen. Un caso: a Norma admite para e pra; recomenda para (para o, para a...) e o resultado é que hoxe xa case ninguén sabe que se pode escribir pra (pró, prá, prós, prás), todo o mundo escribe para o e a maioría dos lectores len para o, con hiatos contrarios á fonética galega.Algo semellante é o que agora se quere facer coa segunda forma do artigo. É sabido que o galego usa a forma o/a (leo o xornal, oio a radio) tras palabras que acaban en vocal, pero usa a segunda forma -lo, -la, -los, -las tras palabras que acaban en -s, ou en -r e nalgún caso -b (colle-las laranxas, perdíche-los cartos, nó-los dous, vó-los sete, entrámbolos dous, tódolos días, tódalas noites, vai polo carreiro, tralos montes, eu e mailo fillo, ¿u-lo libro?). Esta distribución de uso existiu tamén en portugués ata o século XVIII e aínda hoxe aparece en textos portugueses de tradición oral.A Proposta quere converte-la forma -lo, -la, -los, -las en forma tolerada pero residual, é dicir, forma que progresivamente deberiamos eliminar. Unha vez máis este cambio non se debe nin ó galego medieval nin ó galego vivo. Se non miro mal, nos Cancioneiros medievais hai máis de cen casos de segunda forma do artigo.Como se ve no cadro adxunto, a segunda forma aparecía mesmo en casos nos que hoxe tamén se usa pero non o recolle a Norma (tras participios, pois, des, Deus).¿E como está hoxe a cousa? Hoxe a segunda forma é absolutamente maioritaria no uso como amosa o mapa feito con información do Atlas Lingüístico de Galicia e fontes do SITGA.Só un pequeno triángulo no centro e suroeste de Ourense (e algún outro punto disperso) din sempre coller o tren e por os camiños. Son 13 puntos dos 167 do Atlas Lingüístico Galego, nalgúns deles alternando coa segunda forma; a zona é algo máis extensa para cocer o pan, cantamos os números e todos os. Xa en 1974 Álvarez Blanco constataba que, mentres na aludida zona ourensá había casos nos que só os vellos resistían o uso de polo/pola, nos neofalantes urbanos estaba empezando a perderse a segunda forma. O problema deste alomorfo é que é asimétrico co castelán e co portugués. Pero moitos lectores non o len, se non está escrito, co que se perde un trazo distintivo da nosa lingua. A Proposta prefire as formas o, a, convertendo a segunda forma en facultativa, non sendo trala preposición por e o adverbio u (e non teño claro se despois de tras) pero mantendo a obrigatoriedade de pronunciala.O feito de que a Proposta poña como secundaria a segunda forma (-lo, -la) e estea redactada xa sen ela (usar o ordenador, todos os, todas as) equivale a aconsellar que vaia desparecendo do uso escrito. ¿E por que estorba unha forma maioritaria e ben documentada xa dende a época medieval? Porque non a escribe o portugués.É certo que se mantén a obrigatoriedade de pronunciala, aínda que non se escriba pero ¿pode pervivir no uso oral do lector, se non se escribe? Unha vez máis, o uso parece irrelevante nesta Proposta e algunhas opcións alterarían a fala con perda da personalidade fonética e gráfica da nosa lingua. Co respecto debido, a min paréceme ver aí unha nova consecuencia de eliminar dos principios da Norma a afirmación da autonomía do galego e a obsesión por homologa-lo galego graficamente co portugués.

Votación
0 votos

POSTERGAR O QUE ESTÁ VIVO