CUNQUEIRO, ALÓFONO EN CATALÁN

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO

11 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai días fun a Barcelona na compaña amiga de Armesto Faginas para participarmos nun congreso literario titulado Álvaro Cunqueiro a Catalunya. Organizábao, na Universitat Autònoma, a profesora Rexina Rodríguez Vega, perspicaz cunqueiróloga, hoxe por hoxe a máxima autoridade mundial en Cunqueiro como autotraductor. Foi este o tema da súa brillante tese de doutoramento. Eu disertei sobre os poemas que Cunqueiro escribiu en catalán en 1935, ano no que visitou Barcelona por primeira vez. Nesas datas coñeceu a Carles Riba e iniciou unha intensa amizade literaria co poeta Tomàs Garcés. Sobre os poemas en catalán de Cunqueiro, que son dous, publiquei un extenso artigo no número 1 da revista Madrygal no ano 1998. Fíxeno en colaboración coa lingüista Gemma Avenoza i Vera, anos antes lectora de catalán na Universidade de Compostela. Nas páxinas da súa autoría demóstrase que Cunqueiro neses dous textos posúe unha certa pericia no cultivo do catalán, o que me fai sospeitar que alguén o asesorou, quizais Tomàs Garcés. No artigo citado tamén se ofrece unha excelente versión galega dos dous poemas cataláns, obra de Gemma Avenoza, o que proba que esta atenta investigadora catalana aproveitou filoloxicamente os seus anos de Santiago. Aínda así, esta dimensión de Cunqueiro (a de poeta en idioma catalán) segue a ser, mesmo en Cataluña, unha faceta literaria case descoñecida entre os estudiosos. Na sesión na que interviñen non só ensinei senón que, tamén, aprendín, pois, no coloquio, o profesor Víctor Martínez-Gil aduciu unha carta inédita de Álvaro Cunqueiro a Tomàs Garcés na que figura un novo poema en catalán, hoxe por hoxe inédito: Cançó del rossinyol de la mort cruel. Quizais estamos no camiño que nos leve ó achado de sete poemas máis. Lémbrese que Cunqueiro, na resposta ó inquérito literario de Filgueira Valverde (1936), fala de que se propón escribir un libriño con dez cantigas catalanas. Que Cunqueiro non estaba insatisfeito da súa condición de poeta en catalán próbao o feito de que enviou a Filgueira Valverde, entre os seus poemas antoloxizables, os dous cataláns de 1935: Cantiga catalana e La nit es bruna, ó que pertencen versos tan cunqueirianos coma estes: «L''alosa es poncella / no se si fruita / no se si estrella» («A laverca é doncela / non sei se froita / non sei se estrela»). O tema do Congreso -Cunqueiro en Cataluña- foi examinado en tódolos seus aspectos: relacións persoais, lecturas, traduccións de poetas cataláns, oportunidades editoriais en Barcelona... A esas cuestións responden as excelentes comunicacións de Armesto Faginas, Jordi Cerdá, Pere Gimferrer, Helena González, Thomas Harrington, César Antonio Molina, Joan Perucho, Fernando Valls, Joaquim Ventura...