XESÚS FERRO RUIBAL (Membro da Real Academia Galega)
09 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Alguén escribiu hai unhas semanas que compría que os académicos «volvan ós textos medievais e convénzannos de que a nosa lingua se ten que afastar do portugués. Comecen xa, por favor». Ben. O galego non se ten que afastar do portugués (porque xa está afastado) pero tampouco ten que disfrazarse para parecer portugués. Vou poñer un caso. Cancioneiros Na Norma actual acéptase escribir esto, eso, aquelo pero recoméndanse as minoritarias isto, iso, aquilo, que cadran co portugués. Collamos, logo, os Cancioneiros medievais, que se poden consultar na rede na base de datos MedDB do Centro Ramón Piñeiro. Os Cancioneiros están sinalados coas letras B (Biblioteca Nacional de Lisboa), V (Vaticano) e A (Ajuda). Na poesía lírica profana medieval non aparecen exemplos de isto, isso nin aquilo, mesmo se os cancioneiros están aportuguesados. Só aparecen esto, esso e aquelo, como se ve no cadro adxunto. O mesmo podemos observar na documentación medieval primorosamente editada e estudiada por Ramón Lorenzo: esto, esso, aquelo son as formas medievais galegas e no propio portugués chegaron ó século XVI. Se agora observámo-lo uso actual en Galicia de esto/isto, eso/iso, aquelo/aquilo resulta que esto, eso, aquelo seguen sendo absolutamente maioritarios e representan o 80% dos 167 puntos analizados no Atlas Lingüístico Galego do ILGa. Exactamente a proporción das formas minoritarias é esta: isto (31/167), iso (30/167), aquilo (15/167); isto redúcese a dúas pequenas zonas no NE da Coruña, noutra ó S de Pontevedra e en Lobios, como se ve no mapa de Fernández Rei (Dialectoloxía da lingua galega. Xerais, Vigo 1990; 72). Segundo plano As Normas, na miña opinión indebidamente, xa relegan a un segundo plano as formas medievais e actualmente maioritarias esto, eso, aquelo, coa fórmula «isto non supón rexeitar esta, esta, esto, debido á súa extensión na fala actual e por respecto á tradición medieval» (14.3.1). Pero agora a Proposta suprímeas de vez: é dicir, declara incorrecta unha forma lexítima, antiga e maioritaria e impón unha forma minoritaria porque cadra co que hoxe é portugués estándar aproveitando que disque «son moi escasos os escritores que seguen a usar formas como esto». ¿É criterio propio dunha Academia? ¿Vese a importancia do inciso colocado nos Principios dándolle ó portugués a categoría de recurso fundamental?