CREDULIDADE ILIMITADA

La Voz

OPINIÓN

BENXAMÍN CASAL Ó MEU VER

07 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos tempos do catecismo do Pai Astete, dicíase que a fe é crer o que non vimos, e tamén daquela se falaba da fe do carboeiro, potente fe refractaria a todas as dúbidas que podan vir da realidade perceptible a través dos sentidos. Certo aparato teórico deste tipo parece imprescindible para entender a relación dos galegos cos seus representantes políticos e máis concretamente canto se refire ó complexo tema da nosa rede de comunicacións. No ano 1989, dixéronnos que as autovías que unirían Galicia coa meseta castelá estarían concluídas o ano 1995. E crémolo. Chegou ese ano, sen que a obra estivera terminada, e entón aseguráronnos que a cousa adiábase ó ano 1996. E crémolo. Nese ano e nos seguintes 1997, 1998, 1999, 2000 e 2001, repetiuse a mesma promesa de finalización que despois non se cumpriu. Pero nós seguimos a crer. Está ben claro, xa que logo, que os galegos somos xentes de moita fe e, como a fe move montañas, no ano 2001 conseguimos mover a Serra da Escrita que está no Bierzo, aló por Trabadelo. A consecuencia foi que as obras da autovía paralizáronse durante meses. Agora que xa recomezaron, oímos dicir a certos responsables que estarán acabadas o ano 2002. E, de novo, crémolo. Co tren pásanos algo semellante. O pasado verán, pouco antes das eleccións, colocouse a primeira travesa dun tren, de velocidade non clasificada con precisión -pode ser alta, altiña ou regular e vai diminuíndo a medida que se afasta da Cibeles-, que supostamente nos ía levar de Santiago a Madrid. Moitos galegos crédulos pensaron inxenuamente que moi axiña poderiamos ir a Madrid no novo tren. Pero o certo é que só se está facendo un tramo de dez quilómetros dende a cidade compostelá ata unha aldea próxima, e aquela viaxe á capital do Estado terá que deixarse para máis adiante. Agora, o presidente da Xunta de Galicia, xa recuncaturo (segundo a taxonomía acuñada por Baltar), dixo que rematara a xeira das infraestructuras e comezaba a do social. A pesar desas palabras é un feito que as obras do tren e as das autovías do Cantábrico, Lugo-Ourense, Lugo-Santiago e Ourense-Santiago non se finalizaron. ¿Pode darse cabo a algo que nin sequera se iniciou? Así e todo, os galegos estamos dispostos a esquecer que a maior parte das obras aínda non se encetaron, e a crer que findou a etapa das infraestructuras. Pero é dubidoso que debamos facelo, pois corremos o perigo de que desacouguemos todo o sistema orográfico de Galicia. Chegados a este punto nunca saberemos se o desacougo se debe á nosa grande fe ou a que serras e montañas se cambalean porque non poden parar de rir.