MARINA MAYORAL PÁXINAS SOLTAS
30 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Hai moitos anos, sendo eu aínda estudiante na universidade, vin en París nunha manifestación de prostitutas unha pancarta que entón me impresionou fondamente. Dicía: ¿Que será dos vellos sin nós? Moitas veces despois, ó longo dos anos, teño recollido testimuñas de prostitutas nos que declaran que prefiren facelo con vellos, que, en xeral, son máis tenros, menos agresivos, máis considerados e xenerosos e, cousa curiosa, máis limpos. Contan que mesmo algúns vellos se asean e perfuman para ir velas, como quen vai a unha festa. Cousa que tamen ocorre, aínda que menos, con homes moi tímidos ou con algún defecto ou minusvalía física. Todo esto resulta conmovedor e dende logo desperta simpatía cara a esas mulleres que poñen un pouco de ilusión na vida de seres marxinados pola sociedade, pero esa simpatía e esa compasión non deben enmascarar o feito de que, de todolos xeitos, elas son as únicas explotadas. ¿Qué sucede coas mulleres vellas, coas feas, disminuidas ou tímidas? ¿Cómo resolven os seus problemas de cara á sexualidade? ¿Cantas delas recurren ós servicios pagados dun prostituto? Pois se as mulleres apandan co problema, os homes poden facelo tamén. A sociedade, pese á conmovedora pancarta das putas francesas, non pode favorecer a existencia de prostitutas que lles proporcionen ós vellos, ou disminuidos de calquera especie, consolos baseados na explotación doutra parte da humanidade. Pero máis perigosa aínda que a compasión é a demagóxica defensa da liberdade que algúns fan respecto a este tema. Parécelles mal que se persiga a prostitución porque cada un -din- debe ser libre de facer co seu corpo e cos seus cartos o que lle da a gana. A min este argumento sublévame e paréceme intolerable cando o escoito en persoas supostamente cultas, porque é evidente que ó único que ten liberdade para decidir é o prostituidor, tanto se é empresario como se é cliente. As personas prostituidas non elixen, non escollen, non deciden libremente, están metidas nunha cadea na que so poden decir si ó que se lles demanda. De aí o acerto de Suecia ó perseguir o cliente e non ás prostitutas. Os responsables son os que fan a demanda, os que libremente, eles sí, deciden mercar un corpo alleo para o seu pracer. E, por suposto, os que se enriquecen co negocio da prostitución, os que en España, coa desgraciada modificación do Código Penal do ano 1995, xa non son considerados proxenetas senón que aparecen como propietarios de bares de copas, clubes, pubs e toda sorte de locais onde se practica a máis hipocrita forma de escravitude de todas as épocas. Deles, dos negreiros do sexo, falaremos o próximo día.