Luz Pozo Garza, escritora e académica
21 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Non deixa de chamar a atención un feito moi recente que se producía na sede da Real Academia Galega, na tarde do 17-N do ano en curso: a vertixinosa acción «de boca en boca», máis acelerada, aínda hoxe, coa rauda capacidade dos ultramedia de tan alta frecuencia nos nosos días.
Cando entrei no salón de sesións, viráronseme as caras dos amigos de sempre. Xa se sabía e comentara os aconteceres, controversias, votación (número e resultados) da transcendentalísima sesión de tan sinalada data na que se decidía en pleno, e definitivamente, a sanción, tan esperada, da Academia diante da «Xustificación das propostas de cambio» chamadas «da Concordia».
Para min sempre serán amigos benqueridos. Estamos nunha democracia e cada quen ten liberdade de pensamento e opinión total, sen coaccións e sen interferencias. Debemos ser tolerantes e obxectivos. O que non entran nas regras do xogo son as aldraxes ou as descalificacións dos que non deberían ter acceso ó beneficio da palabra escrita.
Pero volvendo á cuestión palpitante «da concordia», o primeiro que hai que deixar claro é a absoluta concordancia da Academia coa lingua galega. Coa lingua nosa. Sen inxerencias doutras, aínda tan próximas no espacio xeográfico ?o castelán? e no espacio xeográfico e histórico: o portugués.
A normativa disidente presentada na procura dun consenso coa RAG, utiliza unha semántica cautelosa: «concordia»; «mínimos»: sábese que o sistema dunha lingua non recoñece «mínimos». Calquera elemento que se introduza nela altera a só estructura, mesmo a entrada de novos morfemas, que semellan inocentemente pouco significativos (diferenza, espazo, licenza, presenza, sentenza, servizo, militanza...), pero que, na mesma liña dos outros apartados, son auténticos peóns da estratexia lusista que preside e informa o corpus das propostas.
Fixémonos, por exemplo, nunha frase no noso galego normalizado. Sufixos que parecen intercambiables, adquiren matices distintos no exemplo que agora propoño: «Luís Pimentel é un poeta lugués». Ou: «Luís Pimentel é un poeta lucense». No primeiro caso situamos a Luís Pimentel no seu entorno; praza, rúas, catedral... No segundo caso, captamos a súa estirpe románica. Se no primeiro caso nos movemos horizontalmente, no segundo caso desplazámonos en vertical. Vese, de contado, que todo na lingua é significativo, ou sexa, «pertinente».
A chamada «normativa da concordia» introduciría unha fenda na lingua de Galicia tal e coma vimos utilizando, coma aprenderon os nosos alumnos, coma escribimos e falamos a maioría da xente.
De aceptar outras normas ¿que pasaría coa obra escrita? Ficaría de inmediato obsoleta. ¿Que pensarían da nosa «sensatez» nas universidades extranxeiras? ¿A onde volverían os ollos os seguidores da normativa académica en Hispanoamérica?
Coido que triunfou o sentido común. Pola miña parte: son amiga de Sócrates, pero máis amiga da verdade.