A AXENDA OCULTA DA LOU

La Voz

OPINIÓN

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO

19 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Muitos observadores semellan desconcertados pola contundencia da protesta universitaria. Para intentar explicala compre reparar na axenda oculta do proxecto gubernamental. Contra o que cren os amantes dos tópicos, a universidade non protesta tanto, e hai ben anos que non protestaba. Non é esa a súa función agás en intres seminais. Por iso témese (ou arélase) a súa reacción: sábese que anuncia algo máis. Dende o século XIX, cando era hiperelitista, a universidade sempre encabezou protestas políticas e sociais en diferentes rexímenes políticos. Hoxe temos unha universidade de masas, con tantos estudiantes de doutoramento como estudiantes universitarios nos anos sesenta. A axenda oculta derívase menos do contido literal da lei (xerarquizadora, privatizadora, intervencionista) que de cómo foi tramitada e arroupada. O PP dixo que era unha lei da sociedade para a universidade. Case logrou ocultar que se trata do seu proxecto político para a institución destinada nas sociedades modernas a xestionar coñecemento. Un goberno de dereitas lexitimado por unha maioría absoluta quere reformar a universidade, sentencia cun «vanse enterar» e consegue levantala unánimente na súa contra. Ten mérito. Non é hora de que insistan na súa maioría mecánica. Confundiuse a maioría parlamentaria coa lexitimidade social que se pon a proba en cada actuación. Hai un choque de lexitimidades que terá que resolverse. Na súa estreita concepción da democracia numérica, supoñendo que a elección cada catro anos lexitimaríaos de sobra, esqueceron que a persuasión é preferible á imposición, que o diálogo é a auténtica arma da convicción, que o debate libre é millor que a treta política para establecer a razón democrática. Notouse demasiado que o PP quere cambiar a Universidade para controlala, non para impulsala. O Estado encárgase da regulación e as Autonomías dos recursos. Xa! No seu afán totalizante quixo trasladar á Universidade o que xa fixera ou intentara noutros ámbitos. A LOU aprobaríase como o Plano Hidrolóxico... Corporativismo Presentouse á Universidade como un niño de corporativismo; covacha de progres trasnoitados; adolescentes que cambiarán de opinión ao maduraren. Cando se deslexitimou a capacidade de diálogo dos rectores (e dos claustros) abríronse outras vías clásicas de mobilización que parecían díficiles de activar; entrouse axiña na carreira de contar manifestantes para medir as forzas. Ao desvelaren a axenda oculta fixeron saltar as alarmas. Os estudiantes consideran que está en xogo a igualdade de oportunidades. Os profesores e funcionarios síntense despreciados e vixiados. Os rectores simplemente bulrados. Púxose en cuestión a súa función e á institución baixo sospeita. Pero «era a economía estúpidos!». Estamos á cola da OCDE, con Grecia, en gasto por alumno. Isto empeorou dende 1996: reducíuse a porcentaxe de bolseiros e os salarios non resisten a comparación coa UE. A diferencia de Aznar, que segundo declara só se adicou a estudiar apuntes para ser un opositor de proveito, a Ministra, experimentada na acción colectiva universitaria, tíñao case todo previsto. Valorou a inercia da Universidade e controlou ben os tempos. Case o logrou: a lei saíu do Congreso como ela quería despois de debater unha emenda cada corenta segundos e coas universidades desmobilizadas, perdón! adicadas ás súas funcións. Mais, como científica social merece un suspenso. Non esperaba este clamor, o civismo da protesta, nin esta unidade, porque son inéditas e difíciles de deslexitimar. A historia nunca se repite. Os senadores nunca imaxinaron tanto protagonismo. Todo parecía ir ben para a LOU ata que algún rector chamou á insumisión e Santiago e Sevilla se desbocaron, pero iso é outro conto.