A ACADEMIA EN CONTRA

La Voz

OPINIÓN

19 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A Real Academia Galega decidiu o sábado rexeita-la proposta de modificación da normativa ortográfica e morfolóxica do galego, presentada polo Instituto da Lingua Galega e polas áreas de Filoloxías Galega e Portuguesa das universidades galegas, convocados pola AS-PG. Tamén contaba co apoio da inmensa maioría das institucións, asociacións e personalidades que defenden o galego, como se recolleu nos medios de comunicación durante as semanas previas.
A existencia dun importante desacordo na codificación escrita da lingua (o chamado «conflicto normativo») é recoñecida por tódolos sociolingüistas, galegos e foráneos, como un atranco importante para a súa normalización social. Os que traballamos polo galego sabemos ben que ese conflicto produce e afonda divisións entre os que compartímo-los mesmos obxectivos de normalidade social do galego, é dicir, entre os que aspiramos a que os nosos fillos poidan vivir en galego en Galicia. Agora por primeira vez, tras varias tentativas fallidas, existía a posibilidade real de acabar con ese conflicto, e iso creou unha ilusión palpable nos círculos galeguistas. O procedemento establecido para realizar e aproba-la proposta era impecable: a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, que non participa nas conversas, convoca ós especialistas en lingua galega (case tódolos redactores son catedráticos e titulares de universidade especialistas en lingua galega), entre os que hai representantes da normativa oficial e do chamado reintegracionismo de mínimos, e ós investigadores do ILG, entre os que están os principais responsables da redacción e da defensa da actual normativa oficial, para que propoñan conxuntamente unha serie de modificacións da actual normativa. Dito en palabras comprensibles, a proposta consiste en que se introduzan algunhas modificacións e os reintegracionistas de mínimos asumirán e usarán a normativa oficial. Non se trata dunha asociación calquera, como un señor escribiu onte nun xornal, senón que detrás desa corrente hai un bo número de escritores, moitos profesores, editoras, un partido político, un sindicato e asociacións relevantes. E as propostas son sometidas á aprobación da Real Academia Galega, co que se preserva e se recoñece o seu papel de máxima autoridade en materia de normativa lingüística.
Os cambios propostos eran moi moderados, e foron explicados o mesmo sábado por Henrique Monteagudo nas páxinas de La Voz de Galicia: preferencia de ao sobre ó, preferencia de -aría sobre -ería, de facer o traballo sobre face-lo traballo, as terminacións dalgunhas palabras (presenza, puberdade...) e algunhas cousas máis. As opcións ó, -ería, etc., non obstante, non quedaban fóra da normativa, de maneira que calquera podería seguir escribindo case exactamente igual ca o vén facendo agora. O aportuguesamento que viu nelas un xornal compostelán era mera propaganda alarmista. Parecía, daquela, un acordo pouco traumático e facilmente asumible nos estamentos oficiais. Polo menos no seu aspecto lingüístico.
En contra destas propostas estaban, que se saiba, Manuel Fraga, o sector do PSOE ligado a Francisco Vázquez, e algúns xornalistas ou colaboradores que se distinguen por estaren en contra do galego en xeral e polas súas fobias antinacionalistas. Acompañábanos uns cantos reintegracionistas e moi poucos galeguistas, por motivos diferentes. Incomprensiblemente, o goberno galego, que ten ó seu cargo a normalización lingüística, no canto de puxar por resolver este problema fai o posible por facer que siga enquistado na sociedade. Polo visto evitar este acordo forma parte da estratexia PP-PSOE de acoso ó nacionalismo galego e iso é prioritario.
¿Como entender daquela a decisión da RAG? Ó rexeita-la proposta a Academia fixo uso das súas competencias, claro está. Pero á vista do exposto tamén parece claro que optou por dobregarse ante uns intereses políticos que xogan en contra do galego, poñéndose en contra do Instituto da Lingua Galega, de case tódolos profesores universitarios e dos que traballan pola normalización da lingua galega. Tras estes primeiros momentos de incomprensión e de desilusión, ábrese inevitablemente un período de reflexión sobre cál é a autoridade real da RAG e sobre o papel que desempeña na nosa sociedade, máis alá de escolle-la figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. As cousas non son o que eran hai tres días. E os académicos que puxeron á RAG nesta difícil situación van ter que dar boas explicacións se queren que esa institución siga a ter algunha credibilidade.
É cedo de máis para dexerga-lo camiño que van segui-los acontecementos. Polo de pronto, o conflicto normativo continuará, gracias á Academia, e a concordia necesaria adíase para un tempo remoto. Pero tamén creo que os que participamos nestes debates e na redacción da proposta demostramos que somos capaces de poñe-los intereses compartidos por riba das nosas diferencias. Podemos tirar disto algunhas consecuencias positivas para o futuro.