AÍNDA HAI CLASES

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS

11 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Se fronte ó terrorismo que padecemos en nome de non sei que supostas ideas dun sector do País Vasco, en lugar de estar no Goberno as xentes que temos e as autoridades que nos administran xustiza, estivese un Bush, e outros semellantes, hai tempo que haberiamos masacrado ó País Vasco coas bombas que nese intre tiñamos, como os Bush de turno están facendo con Afganistán coas súas terroríficas armas. Polo que debemos dar gracias a Deus de pertencer a Europa e non a un povo esfarrapado e famento como os afganos, condicións que os leva a non ter moito apego á vida, aínda que se lles masacre e estén seguros que non menos dun millón deles morrerán se os norteamericanos acadan a victoria coa súa poderosa máquina de guerra. Por todo, ollando o panorama que vemos, debemos dar gracias a vivir neste país que temos, aínda que a maior parte del xa non sexa noso. É certo que con esto da OTAN ficamos comprometidos a responder solidariamente, e como os EE UU teñen ademais esas terroríficas bombas, semella que, máis por medo que por razón, todos nos comprometemos a axudar a EE UU nesa guerra que se inventaron. Que se inventaron, porque os atentados do 11-S, con ser terribles e inhumanos, non son unha declaración de guerra dun país contra outro, como foi o espectacular ataque dos xaponeses, coas armas do seu Estado, ao porto das perlas. Con todo o sorprendente que foi, o do 11-S non pasou de ser un atentado terrorista sen máis armas que o desprecio á vida dunha ducia de suicidas, con coñecementos adquiridos no mesmo país onde os cometeron, e non desdí esto que houbese un ideólogo a quen pertence a idea inicial... e eu dígomo ¡coño co ideólogo de dios! capaz de convencer coas súas ideas a 20.000 quilómetros antes de que o santifiquen na súa morte. Non sei que razóns, ademais do medo, podan ter os Quince da Europa para non lles facer ver ós americanos a contradicción do que están facendo vingándose do que parece ser máis a mecánica dun boomerang lanzado por eles mesmos coa súa arrogancia. Se os norteamericanos collen a ese Bin Laden, sexa ou non o ideólogo desas operacións terroristas, ¿que van facer con el? ¿matalo? Fagan o que fagan o van converter nun símbolo da resistencia dos povos marxinados, nimbados de islamismo, cada día máis pobres pola inxusta globalización que obsesiona ós países occidentais comandados polos Estados Unidos, cando a resistencia deses povos vai ir en aumento coas súas necesidades unidas ó crecemento demográfico que están tendo como unha defensa natural ó exterminio que se practica con eles. Logo do desafío, pouco disimulado, de masacrar ao Irak (país con inmensas reservas de petróleo) vese craramente o amor do que non é alleo o que están a facer no Afganistán, para defender ese «orde establecido» que se fixeron á medida. Ante tanto disparate, resulta sospeitoso e lamentable o silenzo que practican institucións que tiñan o deber de non estar caladas.