NOTAS DUN VIAXEIRO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

10 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Ás veces entretéñome lendo unha obra que se chama El viagero universal, ó noticia del mundo antiguo y nuevo, composta por máis de trinta volumes e editada en Madrid no ano 1800. Teño varios deles, que me regalou Ramón Piñeiro hai anos, divertido polas cousas que alí se contaban de Suecia, sobre todo dos laponeses, dos que se dicía que eran repugnantes, distintos do resto dos seus veciños, pequenos e de ruín figura, moi feos e de orellas grandes. O autor do libro chamáballes «nación horrible y asquerosa» e chegaba á conclusión de que «parece que son la última degradación de la especie humana». Onte pola tarde abrín o volume que fala de Polonia e decateime de que tampouco os polacos lle caen moi ben, sobre todo os xudeos, dos que asegura que son porcos e desaliñados. En xeral, esta é a impresión que saca de todo o país, a suciedade, da que non se libran os hospitais, nos que se nota a pestilencia por todas partes. Polo que respecta ás pousadas para pernoctar, esa mesma é a tónica: miseria, falta de hixiene, desastre. Chamoume a atención unha enfermidade que o autor descubriu alí, nos últimos anos do século XVIII. Descríbea como un humor ácido e viscoso que penetra polos cabelos («como por unos pequeños tubos», comenta), que pouco a pouco se van enmarañando ata formar pelotóns e unha especie de masa, o cal produce febre, dolor de cabeza, convulsións, parálise e demencia. Curiosamente, a estes enfermos, segundo o autor do libro, non se lles podía cortar o pelo, «pues se exponen a la muerte». Sorprendeume que o viaxeiro, á hora de buscarlle explicacións, pensase en cousas complicadas e non se decatase de que debía ser tamén roña.