ESTE MUNDO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

09 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai seis ou sete días, por casualidade, mentres andaba navegando por Internet pola noite, sen propósito concreto, só por escapar dunha película aburrida que me puxen a ver e non conseguín aturar máis alá de vinte minutos (o cine pode ser malo e insustancial, pero nunca aburrido), descubrín unha casa de subastas. Entrei nela e atopeime con que se ofrecía de todo, pois durante algúns minutos dediqueime a buscar salas e batín con todo canto me pasou pola cabeza: miles de libros, obxectos de art deco, trens eléctricos, cousas relacionadas con Sherlock Holmes, plumas, reloxios, gravados, pinturas. Pareime a ver as páxinas dedicadas a cámaras en miniatura. Só a que se refería a unha das marcas máis coñecidas, tiña en oferta arredor de trescentas mostras, algunhas delas fantásticas, como unha peza que estiven vendo en fotografía e que acabou sendo adxudicada en máis de seis mil dólares, unha fortuna. Eso de poñer a foto do obxecto subastado, ademáis da descripción en palabras, está moi ben e resulta tan útil como divertido. Cando ía abandonar o espacio aquel, disposto a acabar as cincuenta páxinas dun libro que me faltaban para rematar, fixeime nunha Minox IIIs do ano 1957, impecable. Busquei as instruccións da casa de subastas para participar nela e introducín unha cantidade modesta, só por experimentar. Logo púxenme a ler. Algún tempo despois, antes de ir á cama, fun mirar a ver en canto se adxudicara a cámara. Case peguei un respingo cando vin o meu nome e unha mensaxe dándome a noraboa. Catro días máis tarde, desde Minnesota, nos Estados Unidos, chegábame a máquina en perfecto estado. O mundo vai ser unha marabilla ou un desastre.