COCHES LENTOS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

05 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte pola tarde estiven lendo unha entrevista cun intelectual chicano que vive en Denver (Colorado), e máis alá da simpatía que me poida inspirar a causa que defende, non entendín demasiado o que quería dicir. E o pouco que entendín non me causou demasiado entusiasmo, pois proclamar que «el grito de la sangre es nuestra fuerza, nuestra responsabilidad y nuestro inevitable destino», paréceme a min, con todo os respectos, que é pura retórica e que non significa absolutamente nada. Eso mesmo debeu pensar un colega do entrevistado, que di na mesma revista que está farto de escoitar cousas tan peregrinas. En realidade, el dicíao dunha maneira máis contundente, aludindo a que era sempre a mesma porcaría, só que empregando unha palabra moito peor. Pola súa parte, este mesmo rapaz contestario, poeta e arquitecto chicano, confesaba que a cousa que máis o motivaba ultimamente non eran as palabras líricas dos seus intelectuais e dirixentes, senón unha cousa de aparencia bastante máis prosaica: as rodas de coche que acababa de conseguir. Non se trata de ningunha frivolidade, senón de algo máis serio, o movemento dos lowriders, que fai furor entre os mozos da súa etnia e que causa desconcerto entre os norteamericanos. Desde hai tempo, moitos destes rapaces dedícanse a mercar coches vellos, sobre todo Chevrolets dos anos cincuenta, que transforman para que anden canto máis despacio mellor. Ó revés do que fan os xóvenes de medio mundo, que trucan os motores para correr máis. Ignoro se este movemento, cos seus coches decorados con deuses aztecas e virxe mexicanas, servirá para a causa chicana, pero paréceme máis fresco que aquelo do sangue e o destino.