HALLOWEEN

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

03 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Acéptenme vostedes hoxe un certo punto de cabreo. Cabreo contra nós mesmos. Cabreo contra este papanatismo paifoco, provinciano e paleto, froito da desinformación e do negocio de sempre, que nos ten aferrollados (entregados) case que sen capacidade de reacción. Andan estes días os mozos vilegos vestidos de festa rachada celebrando o hallo-ween: rolda de copas nocturnas por pubs e discotecas varias, con abondosa cartelería, e os picariños son convocados nos colexios para a mesma celebración. ¡O halloween! Pois ben, acabo de enteirarme de que en certo centro privado (colexio de elite) unha profesora tivo problemas (unha bronca) porque decidiu explicar ós seus alumnos que a tal romaría é unha importación comercial máis, de última hora, argallada a partir do marketing da televisión (as produccións USA), e que o país ten formas propias, incluso milenarias, que estamos a deixar perder. Na aldea onde vivo os vellos falan da festa das caveiras ou das cabazas, en chegando o tempo dos defuntiños. Aínda eu as lembro na miña Pontevedra da infancia. Cabazas, melóns e calacús baleiros, con buracos para os ollos, que se poñían nos camiños ou na porta das casas cun candil ou cunha vela dentro para asustar ós veciños e divertir ós máis pequenos. Nalgunhas zonas do interior de Galicia e do norte da provincia de Lugo chámanlles samaíns, denominación que nunca escoitara, e que disque ten que ver cunha antiga tradición prerromana, adicada ós deuses do inverno e ó culto ós mortos. Así nolo explican os clásicos, dende Xaquín Lourenzo a Antón Fraguas, e agora Rafael López Loureiro, nunha unidade didáctica adicada ás tradicións populares que vén de publicar o Sindicato Galego do Ensino. Disque primeiro foron os inimigos derrotados, as súas caveiras alumeadas arredor dos castros, para escarmento de extraños, e que logo, andando o tempo, as caveiras mudaron en cabazas, e a memoria antiga da guerra deu en lembranza máxica dos defuntos, esa lexión de ánimas peregrinas que, en forma de Estadeas, Compañas, Hostes ou Procesións, vagan dende hai mil anos polos camiños a recordarnos o misterio do trasmundo e as dévedas que os vivos temos cos mortos, e que tantas veces deixamos sen pagar. Volven, pois, as cabazas alumeadas, que os pequenos levan polas casas pedindo un patacón (de euro). Pero agora chamámoslles halloween. Cando a miña amiga intentou explicalo no colexio, propoñendo recuperar a celebración tradicional, a dirección contestoulle dicíndolle que «non quería festas nacionalistas» (¡sic!) e cerrou a discusión. A anécdota non merecería comentario, abofé, incluso resultaría cómica, se non fose expresión dun mal profundo que nos tolle e que mesmo explica cuestións e comportamentos bastante máis graves, cada vez máis difíciles de arranxar. Etimolóxicamente idiota significa escravo, individuo sen luz propia que entrega o seu pensamento (e a súa identidade) á vontade do conquistador; e a palabra parvo procede do latín parvus, que quere dicir pequeno, escaso, pero non de corpo, senón de entendemento e razón.