A LOU E A UNIVERSIDADE PÚBLICA

La Voz

OPINIÓN

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO

01 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A confluencia entre a dereita universitaria máis rancia (que nunca aceptou a LRU) e outra nova e neoliberal está no fundamento da LOU. Pero por mui moderno que se considere o pensamento da dereita española, segue imbrando a regulamentismo autoritario. ¿Qué se quere amañar? En teoría, os males dunha universidade pública que para algúns agoreiros non está a altura do seu pedigree: a mal chamada endogamia e a discrecionalidade que a autonomía universitaria permite no uso dos recursos preséntanse como os males a combater. Pero haberá que preguntarse se a universidade actual, froito dunha LRU que, mal que ben, fixo entrar a democracia na universidade do franquismo, cumpre ou non os seus cometidos. Calquera avaliación ao respecto debe recoñecer que nos últimos anos a universidadade española situouse, por primeira vez dende os anos trinta, no mapa da comunidade científica internacional. Pouco fica daquela universidade de 1975: inzada de PNN en precario, de escasa producción científica, con catedráticos por méritos de guerra e con cerebros fugados por discriminación política ou para poder investigar. Como telón de fondo, a vontade política de dobregar unha universidade pública que é hexemónica na educación superior en España pero que semella ser demasiado desafecta ao actual poder político. Albíscase unha certa morriña de cando a democracia estaba nas aulas pero seguía ás portas do goberno da universidade. Por outra banda, o empeño doutrinariamente neoliberal en eliminar as dificultades que ten o ensino universitario privado para abrirse camiño. A lei favorece o privado e desconfía do público. A nova lei volve atrás da LRU en canto á autonomía das universidades, está pragada de vellas fórmulas e, no canto de favorecer unha maior fiscalización dos órganos de goberno, procura o intervencionismo gubernamental. Certo é que a universidade non pode rexirse como a sociedade, pero a democracia segue sendo millor sistema que a aristocracia, tamén dentro dos claustros. A xerarquía intelectual non pode ser fixada por lei. O paradigma da nova lei é a habilitación estatal do profesorado. Buscando resolver o cacarexado problema da endogamia recupera o vello modelo xacobino que en España funcionou ata a LRU, sen garantir precisamente unha millor universidade. Trátase, ao cabo, de habilitar profesores de universidade como se foran notarios: cun exame que sanciona a formación autodidacta sobre un temario. Sen establecer criterios obxectivos sobre a investigación, nin garantir unha formación como docente, nin definir centros a posteriori, pois a praza, iso si, é de por vida. Garantir o contrato dos millores e a igualdade de opotunidades no acceso non é un problema de normas senón de valores. En toda Europa se está a debater a necesidade de fortalecer os seus sistemas universitarios como palanca do desenvolvemento na sociedade do coñecemento. Pero esta lei, feita co retrovisor, desenténdese dos problemas reais. Algúns problemas e solucións estaban presentes no Informe Universidade 2000, pero a lei refuga canto pode das principais conclusións recollidas por Bricall. Especialmente aquela que demostra que a universidade española é a peor financiada da UE e os seus estudiantes os que menos axudas reciben. Ergo temos a universidade máis rendible cos recursos disponibles.