A BIOGRAFÍA DE HASSAN

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

30 oct 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Estiven lendo a biografía dun destes homes que denominan señores da guerra e que forma parte da Alianza do Norte, en Afganistán. Un tipo curioso. Chámase Mamur Hassan, vive nunha zona apartada, entre montañas, e manda sobre algo máis de mil soldados, quizais algúns menos. Ten un preso talibán, ó que garda nun buraco, esperando cambialo por xente del que está en poder dos seus rivais. O talibán (ou talib, segundo os expertos, pois é un nome en singular) chámase Bashir a secas, está tatuado, é drogadicto, fáltalle unha perna e leva pendurado do pescozo un libriño color púrpura con versos do Corán. Mamur Hassan ten dez fillos, que van desde un mes de idade ata os doce anos, incluídos uns xemelgos, pero tivo que facerse cargo tamén dos cinco fillos dun irmán que morreu na loita contra os talibán. Outro irmán, traicionado polos seus propios homes, foi asasinado. Mumar Hassán descubriu ós traidores, mandounos traer diante del e aforcounos. Máis tarde, a propia nai de Hassán foi executada por un parente, Sadruddin. A pesar de todo, Sadruddin e Hassán son amigos. A cousa empezou porque este último mandou matar ó pai do primeiro. En venganza, aquel matou á nai do segundo. Esta cadea rachouna finalmente o viúvo da muller asasinada que arranxou a reconciliación entre as dúas partes e concluíu coa voda de Sadruddin cunha sobriña de Hassán. Agora, este espera que os americanos axuden a botar ós talibán e implantar así un goberno diferente. Despois de ler a biografía deste home un non sabe ben en qué pode consistir a diferencia. Tal vez, como el mesmo di, no cansazo da guerra. «Levo vinte anos así e estou farto», asegura. Eu enténdoo.