DARÍO VILLANUEVA
14 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.As eleccións darán paso a unha nova lexislatura e a un novo Goberno galego nun comezo de século e de milenio cheo de posibilidades, pero tamén de dificultades, para o noso país no contexto dunha conflictiva sociedade global da información e do coñecemento. Neste escenario, é preciso continuar impulsando día a día a mellora do noso ensino superior. Investir en coñecemento é investir no noso futuro colectivo, e para que a Universidade poida continuar sendo un instrumento eficaz de progreso ó servicio da sociedade é imprescindibel un financiamento baseado na suficiencia e a equidade. Este argumento non é unha monserga de rectores acubillados en ocultos e inconfesados intereses. Remito a quen se interese por esta cuestión en términos estrictamente economicistas ós resultados do proxecto de investigación patrocinado pola Comisión Europea baixo o rubro Public funding and private returns to education, rematado hai un ano. Móstrase alí que os gastos educativos deben clasificarse como investimento, dado que xeran rendibilidade positiva desde unha triple vertente, individual, social e do sector público. Cando un individuo estudia, incorre en dous custos: os custos directos da educación, que no noso sistema están subvencionados, e o custo de oportunidade representado polos ingresos que deixa de percibir por non traballar mentras estudia. Os beneficios, pola súa parte, veñen representados polos salarios mellores que os máis formados perciben. Partindo destes datos, é posíbel calcular a tasa de rendibilidade privada para o investimento educativo como se se tratase dunha inversión nun activo financieiro. Nesta lóxica que os autores da investigación practicaron, segundo a Encuesta de Estructura Salarial de 1995, o salto da formación secundaria á universitaria amosa unha taxa de rendibilidade situada ó redor do 11% anual. No eido da rendibilidade social, é lóxico supoñer que hai unha correspondencia entre salarios e productividade. Os salarios mais altos poden así entenderse como a producción extra gañada por mor da educación, mentres que os custos de oportunidade representarían a producción perdida polo feito de seguir estudiando e non entrar axiña no mercado laboral. Neste apartado habería que engadir os custos que o sector público atendería financiando as universidades. A rendibilidade final, neste caso descende na orde de dous ou tres puntos pero segue a ser elevada. Pero tamén para o sector público a inversión educativa é rendabel. Os mellor formados, na medida que perciben salarios máis altos, pagan máis impostos vía IRPF e IVE, e a súa contribución ó erario público permite compensar con creces os gastos que o sector público realizase. Maiores gastos educativos hoxe poden representar maior superávit orzamentario mañá.