«A XUNTA É UN PASO NA AUTOESTIMA»

La Voz

OPINIÓN

DESDE EL CANDELERO: MERCEDES PEÓN

08 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O seu primeiro traballo supuxo un salto cualitativo para a música folk galega. Considerado polos especialistas como o mellor disco europeo do 2000, Isué é un coidado froito de Mercedes Peón, etnógrafa e compositora a partes iguais. A conversa é fluida. Pero, sobre todo, profunda. As cousas non son nin brancas nin negras, e Mercedes sabe deterse nos matices. «Aínda que non estou moi convencida das opcións, coido que si votarei», asegura. A súa é unha firme aposta polo movemento propio da sociedade, do asociacionismo das xentes por riba da política oficial. E iso nótase na súa análise do papel da Administración na promoción da cultura. «Non me gosta botar pedras contra as institucións, porque o primeiro paso debe ser noso, dos músicos». Os políticos, argumenta, non son filósofos: «Os ideólogos temos que ser nós, temos que propoñer modelos, e pensar que os estados sempre van dez anos por detrás da sociedade». A mesma existencia da Xunta constitúe «un paso fundamental no proceso de autoestima deste país». De feito, engade, este factor chega a modular certos comportamentos: «O centro-dereita sempre se vencellou ó menosprezo da nosa cultura; pero agora os seus representantes falan en galego e traballan por Galicia, tan só iso é moi positivo». Ó cabo, Mercedes defínese como «persoa sinxela», en absoluto pendente da imaxe: «Nunca me preocupei da miña melena».