LECCIÓN DE ESCRITORES DE VIAXES

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

25 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Pensamos que a literatura de viaxes non deixou de ter acollemento aquecido en ningún momento da historia da humanidade. Un crítico do Moby Dick de Melville preguntábase hai pouco: ¿Por que tantas obras maestras das letras universais son estudios de viaxes? Tais A Odisea, A Eneida, Don Quixote, As viaxes de Gulliver, Tom Jones, Huckleberry Finn. A resposta repousa, sen dúbida, na natureza da metáfora básica, común a todas elas. A da viaxe como un símbolo do pulo de progreso espiritual. O home de tódalas épocas tivo sempre a tendencia a superar ou compensar as miserias do presente mediante a creación ou enunciación dun mundo imaxinativo. Un mundo no que plasmar as súas aspiracións máis caras. Encarreirándose a el viáxase imaxinariamente. Non pode negárese que o home é viaxeiro por natureza. Tamén que desde tempos moi antigos, a razón do progreso humano determinou o desprazamento das xentes. Viaxeiros individuais foron Homero e Herodoto. Nas súas obras privan o descritivo e a lenda. En troque, os romanos como Estrabón, Julio César, Tácito, ata Plinio o Xove, esforzáronse en se desbordar da fantasía, para dar a impresión real das cousas olladas na viaxe. Outro tipo de viaxeiro aparece na Idade Media. Xurde o peregrino medieval que dexerga na viaxe un medio para acadar unha meta espiritual. A comezos da era moderna, as viaxes adquiriron auxe e ousadía. A descoberta de novas rutas, de terras explotables comercialmente, presidiu os afáns do viaxeiro. Viaxeiros houbo en tódalas épocas. Pero os auténticos, desinteresados, libres, espontáneos, amenos, só apareceron a comezos do XIX. Foron os creadores do xénero de relato de viaxes. Constituiu este unha expresión romántica, unha floración típica do século devandito. A noción de lonxanía, empurrou a viaxar por mares e terras ignotas, distantes. Figuraron así nos tempos modernos, viaxeiros de diverso tipo, o renacentista, o da Ilustración e o romántico. O romantismo, como experiencia cultural constituiu unha escola literaria e artística. Pero así mesmo unha nova conceición do mundo e da cultura. Foi a época dos viaxeiros, cuios libros se caracterizaron pola gracia alada e a frescura de observación. Nembargante, aquela universalidade na cultura que os distinguiu, aquela súa curiosidade humana foi perdendo pulo. Proclamouse o realismo ou naturalismo, e os escritores amosáronse menos dispostos a se deixar levar polo vó da imaxinación. A celeridade das comunicacións e a complexidade da vida moderna, determinaron o xurdimento do viaxeiro turístico. O turista ofrece ás veces expresións literarias deste tipo, singularizadas pola superficialidade irresponsable. Tenta escribir libros como producto de xiras turísticas e aceleradas. Non como resultado de permanencias nas que acadar compenetración co medio visitado. Deberiamos volver máis a miudo ós libros de viaxes. Sobre todo ós relatos daqueles escritores do oitocentos, que perfilaron imperecedeiramente o xénero. Elo require xa que logo unha necesaria tarea de traduccións. Foron os viaxeiros os que afondaron na entraña da humanidade en tódolos paraxes. Os que máis se achegaron ó profundo do sentido universal da vida. Os escritores viaxeiros ofrecéronnos os frutos máis sabrosos que o espírito humano aportou algunha vez nos fastos literarios.