TAL PARA CAL

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

25 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Alá polos anos vinte, o pai do último sha de Persia decretou que todos os homes do país debían ir vestidos coa indumentaria occidental, que as mulleres non podían levar o velo pola rúa e que os cregos musulmáns tiñan que restrinxir o uso da vestimenta clerical. A medida impúxose pola forza, pero creou resentimento en moitas persoas. Cando o seu fillo subiu ó trono en 1941, proseguíu coa política de occidentalización iniciada polo seu pai, creou un exército potentísimo, montou unha temible policía secreta, pero condenou á pobreza a millóns dos seus súbditos, que non se beneficiaron da modernización. No ano 1971, o sha Mohamed Reza Pahlevi celebrou o dous mil aniversario, ou cousa así, da monarquía persa. Organizou unha festa, que en España se viu pola televisión, na que participaron dignatarios de todo o mundo, algúns coñecidos golfos de mérito e unha pequena representación de chisgarabises internacionais. A festa durou unha semana, o banquete principal foi servido por Maximïs de París e bebéronse vintecinco mil botellas de viño. Unha provocación para os pobres e tamén para os crentes musulmáns. Entre estes, había moitos que querían volver a un islam máis auténtico, algúns deles seguidores de Alí Shariati, un socialista a quen o sha acusou de ser un «marxista islámico» e que tivo que marchar ó exilio, onde morreu. Foi un dos homes que máis influencia tiveron no seu país e que se convertiu nun auténtico líder para a mocidade. Lamentablemente, o seu valeiro foi sustituído por un islamista radical, o famoso Jomeini, que igual que fixera o pai do sha, pero ó revés, impuxo o velo para as mulleres e a barba e a roupa talar para os homes. Tal para cal.