TERRORISMO E COOPERACIÓN

La Voz

OPINIÓN

Unha vez máis ponse de manifesto que a incerteza é unha constante do noso tempo. O que Heisenberg postulara para o eido intramolecular faise actuante a escala humana. Non hai seguridades absolutas, nin invulnerabilidades. Todo é posible, anque nos custe asumilo. Por iso a sorpresa e a incredulidade eran os sentimentos máis xeneralizados dos que, diante da TV, contemplabamos o martes 11 de setembro as imaxes do ataque terrorista a Nova York e Washington. Eses mesmos sentimentos embargaban o ánimo do presidente dos Estados Unidos que, a moitos quilómetros do lugar do suceso, sabía do atentado uns minutos despois ca nós. Sabiamos daquela que tiñamos máis información có dono do mundo. Isto aínda era máis incrible. Nesta falta de información reside sen dúbida a causa de que non puidera evitarse unha traxedia de tal magnitude. Nin a CIA nin o FBI foron capaces de saber algo sobre un acto terrorista que, polas súas características, de seguro que levaba meses preparándose. Lembremos que tamén non o foran cando foi asasinado en Dallas o presidente John F. Kennedy e o seu irmán, o senador Robert Kennedy. O lamentable espectáculo do mandatario máis poderoso fuxindo desordenadamente sen saber cara onde e refuxiándose por fin nun búnker do corazón da América profunda é outro reflexo da carencia de información. Se, como tantas veces se di, a información é poder, durante horas uns poucos terroristas descoñecidos e invisibles tiveron ameazada a maior concentración de poder que se ten dado na historia e puxeron ó descuberto a vulnerabilidade da nación americana e mesmo do sistema que representa. Faltan medios Parece tamén que os medios de que se dispón para loitar contra o terrorismo actual non son os axeitados. Estamos preparados para guerras máis ou menos convencionais, pero non para ataques deste tipo. Os grandes medios tecnolóxicos, o armamento pesado e os escudos antimísiles son medios excesivos e desproporcionados. Moitos nos preguntamos se os dirixentes norteamericanos comprenderán agora que a prevención e a erradicación destes actos non pode facerse dende a prepotencia e a autosuficiencia, e cun deseño das relacións internacionais que pase pola subordinación dos países amigos. Que é máis razoable ceder voluntariamente certa parte do poder que ver como nolo arrebatan por sorpresa como acaba de suceder. Conceptos como liderazgo internacional, superioridade, ou monopolarización do mundo deixaron de ter sentido e operatividade. A cooperación, a complementariedade e a multipolaridade como base dunhas anovadas relacións internacionais darannos a todos máis seguridade e protección, pero isto esixe a aceptación, sobre todo polos Estados Unidos, de organismos internacionais que teñan verdadeiro control sexa no penal, no medio ambiente, nas minas antipersoais, na venda de armas... A creación de novos instrumentos en foros moi amplamente abertos a tódolos países e cos obxectivos de instaura-los dereitos humanos ó longo e ó ancho do mundo contribuirá a levar a tódalas mentes o respecto ás diferencias e a desterra-lo odio, caldo de cultivo do terrorismo.