CARLOS CASARES
18 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Hai uns anos, cando estiven en Xerusalem, non puiden visitar a Cúpula da Roca, porque cando me atopaba na cola para pasar pola porta dos magrebís, os responsables musulmáns pecharon a explanada. Tiña ganas de ver A Roca, é dicir, a pedra do monte Moira sobre a cal Abraham aceptou sacrificar ó seu fillo Isaac. Xa teño dito outras veces, e non quero ser acusado de herexía, que ese non é o Abraham que máis me gusta, a pesar da súa grandeza, como tampouco me gusta o guerreiro que derrota ó gran Cadorlahomor. Prefiro antes a aquel home xusto e bo que intercede a favor da cidade de Sodoma. Tampouco puiden ver, pola mesma razón, a Cúpula da Cadea. Esta cadea, que se remonta á época de Salomón, vai desde o ceo ata a terra e foi posta alí polo rei para que o día do Xuízo Final, segundo cren os musulmáns, un home xusto, un só, se poida agarrar a ela para non caer no inferno. Excuso engadir que tampouco é ese o meu Salomón preferido, senón aquel outro que chegou a ser un gran sabio a base de ter un enorme sentido común. De Abraham procedemos todos. Os xudeos e os cristianos, a través do seu fillo Isaac; os musulmáns, a través de Ismael. A revelación chegounos a todos tamén. A uns por medio da Biblia, a outros pola Torah e ós terceiros polo Corán. A pesar das diferencias, os musulmáns, por exemplo, recoñecen en Xesús de Nazaret a unha figura exemplar e vén na súa nai, María, a muller máis virtuosa de cantas existiron. E sen embargo, algo impide que non haxa armonía entre as tres comunidades relixiosas e culturais, especialmente entre a xudea e a musulmana. En vez de cadeas e rocas, había que recordar máis a bondade e o sentido común.