ABEL MATOU A CAÍN

La Voz

OPINIÓN

MANUEL REGO NIETO DE COTÍO

13 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Comentárame o sempre lembrado Eulogio Gómez Franqueira, á volta da súa primeira viaxe ós EE UU, que «aquelo, amigo Rego, eche un país apabullante. Mira, elí cólle-lo avión como quen colle eiquí un autobús...». Agora, coa catástrofe das catástrofes, no que vai de historia -que dúbida cabe- hai que escoitar a xente do común botar as súas sentencias, facer as súas reflexións. Inda que estas deberan quedar para os norteamericanos... O poderío ianqui ten feito no mundo moitas falcatruadas. Ten matado xente inocente, todo como o xendarme do planeta. Todo, co VII de Caballería por diante. Pero nista ocasión foi Abel quen bateu a Caín. E a xente do común non sabe moi ben cales van a ser as consecuencias dista desfeita terrorista, aínda que albisca que non poden ser boas. Porque se ben é certo que a cantiga sudamericana acércase a demencia de quen fixo a barbarie terrorista -«Pobrecito mi patrón / piensa que el pobre soy yo»-, non calculou que a venganza pode ser terrible; e non para o patrón, claro.