CADAQUÉN DEFENDA O SEU

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS

09 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O federalismo non é unha cousa nova. Ten entre nós 150 anos de tradición. Na España pódese dicir que arranca a partir das xuntas que se crearon espontaneamente con motivo da francesada. Dende Castela pedían a la «Junta de Galicia» que ayudase na loita contra o francés (acórdanse de Santa Bárbara cando trona) e na Galiza formouse unha especie de Xunta que nada tiña que ver coa «Junta Superior del Reyno de Galicia». A idea sistematizouse a partir de Francisco Pi y Margall, que dou pé á concepción do anceio dunha República Federal Española, dentro da que participaron, discutiron e discreparon Castelar, Figueras, Salmerón, Segundo Moreno Barcia, Telesforo Ojea, etcétera. O republicanismo español, antes da II República, chamárase ou non federal, era conteste de que o Estado español tiña que ser federado, mais ao vir a II República ficou en federable. No artículo 1º da Constitución do 1931 dícese: «La República constituye un Estado integral, compatible con la autonomía de los municipios y las regiones». Como se sabe, cando se redactaba esta Carta, Catalunya xa se tomara o dereito que lles correspondía pola man. Na Constitución do 78, que temos, os seus redactores buscaron unha fórmula que tendo no fondo das concencias a realidade do Estado plurinacional que somos, non se asustasen os que temían que se rompese esa invención da España unitaria, e voltasen a facer outra cruzada, e así creouse esa especie de «café para todos». Pode que entón non fose posible outra fórmula, cando algúns dos redactores nin esto querían. Así o papel non recolleu a realidade diferencial dos pobos da Hispania, e para Galiza, sumando ao leiro os inventos do neo-liberalismo, e demais, a cousa non pode ser máis moura. Teño a man unha estadística das 50 maiores empresas, non financieiras, da Galiza, e dela dedúcese que antes da Guerra Civil tres deses 50 empresas tiñan a súa cabeza en Madrid: a Constructora Naval, a Tabacalera e unha tal Estannífera de Arosa. No ano 50, sete desas 50 empresas xa tiñan a cabeza fora da Galiza. No ano 73 xa eran 16 desas 50 empresas que fiscalmente non eran nosas. E no ano 81, 23 desas 50 empresas tiñan o seu domicilio social fóra de Galiza. Trátase das empresas maiores, e nestes dez últimos anos máis empresas de fóra viñeron a utilizar os nosos recursos. Se isto non é a colonización de Galiza que veña Deus e que o vexa. Alguén virá a engañarnos co conto de que o que importa son os postos de traballo. Si, eso o queremos todos, o que non vemos é a razón que pode haber para que sendo nosas as empresas non podan dar postos de traballo. Pero aos foráneos o que lles importa e quedarse ca propiedade das nosas empresas, sobre todo das grandes, porque as pequenas, desgraciadamente, en xeral neste país duran pouco; no millor dos casos quen as crea ou as goberna, desconfiando, non as abandoa, para as manter vivas, até que morren, pois a quen lle quedan en herdo, fillos ou outros socios, peléxanse por se quedar co patrimonio e o arruinan todo. E non digamos desas empresiñas subvencionadas ou creadas coa concentración dos cartos do paro que se arruinan antes de dous anos.