XOSÉ CHAO REGO
07 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.«Se a raza humana helena puidese fundirse nun só Estado, dominaría o mundo», sentenciou Aristóteles. Frase que soa a MacLuhan pregoando a Aldea Global. O gran conquistador Alexandre Magno, inventou o helenismo; interesáballe máis a unificación cultural da Ecumene (o enteiro mundo) cós triunfos militares. Un helenismo a realizar fóra de Grecia, entre os bárbaros, que somos todos menos os globalizados polo helenismo. O perigo máximo dos hebreos entre o século III e o I antes de Cristo era ese intento cultural de ir eliminando nacionalismos (actual, ¿non si?) O invento eliminaba a identidade étnica. O resultado, a rebelión popular dos Macabeos e o martirio de non poucos: a xente do pobo, os pobres doíanse do abuso mentres a aristocracia e amos do templo, saduceos, estaban por fachendear co hellenic way of life. Desaparecida a profecía, os textos sapienciais están cheos de cautelas, coma no libro da Sabedoría (9,13-19), que descualifica o saber humano. Pero nada tan radical, coma Xesús de Nazaré, a quen os estudiosos están rescatando coma sabio de Israel. El estaba co pobo e consta que o seu nacionalismo cadraba lonxe do helenismo, que tanto influía cos seus ximnasios para que a mocidade falase en grego: un idioma común -koiné-, creado a partir dos moitos dialectos. As decisións, di Xesús (Lc. 14, 25-33), hai que peneiralas para non caer no ridículo pero, logo de discernir co cribo, hai que abrir camiño, custe o que custe -a unidade familiar e mesmo a vida-, loitando contra ese falso universalismo ou globalización.