AS PALABRAS E OS SIGNOS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

07 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai anos lin un libro no que o autor, dunha maneira sistemática, entre o suxeito e o verbo puña unha coma. Escribía, por exemplo: «Antonio, marchou». Eu tratei de explicarlle que os signos de puntuación non se poden empregar caprichosamente, pois están sometidos a normas, pero o aludido respondeume que el, cando falaba, en construccións como esa facía unha pausa. Díxenlle que podía facer unha enorme, mesmo ir a París e volver, pero que cando regresase, a coma mencionada seguía sendo tan incorrecta como innecesaria. Non o debín convencer porque seguíu facendo o mesmo durante anos, ata hai pouco. Esto da corrección e a incorrección é unha cousa bastante complicada e ninguén está libre de meter a pata, sexa á hora de puntuar ou de empregar unha palabra. Eu aínda recordo a bronca que me botou o profesor Moreno Báez, cando era alumno seu na universidade de Santiago, porque unha vez dixen «cénit», con acento no «e», e non cenit, como hai que dicir. (En cambio non sei por que, ninguén di «nádir», senón nadir, que é o correcto). Onte pola tarde pasei un par de horas agradables lendo un libro que fala destas cousas con humor e sabedoría. Á parte dun capítulo excelente sobre o uso da coma, gustáronme moito as páxinas dedicadas ós pleonasmos, que consisten, como se sabe, en usar palabras innecesarias. De neno, eu lin moitas veces, nun programa de festas, a expresión «colofón final», e o autor do libro cita algúns casos bastante frecuentes: «facer a autopsia ó cadáver», «unanimidade total», «predecir de antemán». Respecto da falta de claridade, quedeime con este magnífico exemplo: «Dúas mulleres morren ó chocar o coche no que viaxaban con outro».