IGNORANCIA E BURREMIA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

01 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando eu era rapaz tiven un compañeiro de estudios que non entendía absolutamente nada do que lía nos libros. A pesar de todo, estudiaba moitísimo. Facíao dunha maneira case biolóxica, abrindo e pechando a boca como se comese as letras, cos ollos entornados, quizais para concentrarse mellor. Durante as clases, cando os profesores nos mandaban preparar un tema, el metía os cóbados na mesa, amparaba as tempas coas mans e púñase a rosmar como un moscón. O resultado era sempre un desastre. Nunha ocasión, por exemplo, en clase de ciencias dixo que o corazón estaba composto por catro paredes musulmanas. Outra vez, nunha clase de historia dixo que Cristóbal Colón lle puxera sitio a Viena. E máis adiante, que Carlos V lle pegara un puñetazo ó poeta Garcilaso de la Vega por culpa dunha ovella. Tanto lle tiña dicir unha cousa como outra. Para el, aquelas palabras que pronunciaba carecían de valor ou significado. Supoño que Colón podía ser o mesmo un señor que unha galiña, e Viena podería entenderse que fose unha muller ou un pastel. Para quen pense que se trata dun caso raro, que lea ese famoso libro dun profesor que foi recollendo disparates escritos nos exames. Alí figuran cousas como esta: «En Holanda, de cada cuatro habitantes, generalmente uno es vaca». Ou esta outra: «La vaca es un mamífero que normalmente tiene cuatro patas y un rabo que le sirve para espantar las moscas». Esto chámase ignorancia supina. Ou burremia. Está moi estendida. Acabamos de vela con esa especie de enquisa que se fixo con turistas en Galicia. Eu participei recentemente nunha mesa de escritores españois en Brasil e ningún foi capaz de citar a dous colegas brasileiros.