MARÍA XOSÉ QUEIZÁN TIRAR DO FÍO
01 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Un barco cargado de emigrantes que foxen da fame e do terror, procedentes de Afganistán e outros países, encóntrase no medio do océano, con escasas provisións, sen que ninguén lles permita tomar porto. Lémbrame as historias dos barcos ateigados de doentes nos tempos da peste. É un símbolo dos nosos tempos. A nós, que vemos pateras a cotío querendo arribar nas controladas praias do sul, ou aos cadáveres que trae a marea, este fenómeno xa non nos chama a atención. É o gran problema do século que entra. O Terceiro Mundo movilízase, non para mellorar o seu nivel de vida, coa axuda monetaria e técnica do Primeiro, como sería de esperar, senón como unha masa indixente que, sabendo que aquí nos sobra o que a eles lles falta, deciden buscalo, a risco de morrer. Seguramente, esta invasión de estranxeiros (que na época dos romanos chamaban bárbaros. A palabra bárbaro procede de bra, bra, bra, de sons inintelixibles. Bárbaro era o que falaba diferente, o extranxeiro), vai acabar cos sistemas democráticos occidentais como outrora acabaron co Imperio romano. Son moitas as concomitancias das que os emperadores actuais deberían tomar nota. A última que se producíu no país é a súa incorporación no exército, ante a falta de soldados españois. Na decadencia do Imperio, as milicias romanas estaban cheas de bárbaros. Pero, se chegan a caer as democracias actuais, e medo me dá pensalo, é porque levan o verme dentro. As democracias van unidas ao sistema capitalista e ao libre comercio, ou sexa, van indisolublemente asociadas á desigualdade social e á corrupción. Se, lonxe de explotar ata o esgotamento ao Terceiro Mundo, cederan unha parte das riquezas que atesouran, e contribuíran, mediante a educación, a sanidade, a técnica, a melloralo económica e socialmente, eses países serían aliados e non invasores. Isto é o que os movementos antiglobalización pretenden facerlles percibir aos poderosos da terra. Moitas persoas que comprenden este problema, solidarízanse cos inmigrantes, maniféstanse e defenden os dereitos das víctimas a reclamar o que, por outro lado, se lles sustrae. Noutro extremo, tamén moitos estranxeiros saben que a súa pobreza está promovida pola nosa riqueza e pensan que teñen todo o dereito a apropiarse dela. O resultado desta actitude extrema é a delincuencia. Acaba creando malestar social, o rexeitamento dos extranxeiros e o consecuente racismo. Vendo este panorama cunha certa distancia, decatámonos de que son a maioría dos habitantes do país, que non son ricos (os ricos viven alonxados das cidades e dos centros de inmigración), que non se aproveitan da explotación, que só aspiran a traballar e vivir en paz, os que padecen este conflicto e, por riba, os que lle dan argumentos racistas aos poderosos. Unha trampa terrible. É o que procuran denunciar, ante os mandatarios máis ricos do mundo, os movementos, erroneamente chamados antiglobalización, formados por unha cidadanía descontenta cunhas democracias xordas, nas que só poden facerse oír rompendo as lunas dos bancos.