CARLOS CASARES Á MARXE
30 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Cando o Deportivo xogou aquel partido co Valencia que lle puido dar o campionato de liga, eu estaba en Londres cuns amigos. Vimos o encontro nun bar de galegos, cen persoas metidas nun soto onde non cabían máis de vinte ou trinta, cunha porta estreita e unhas escaleiras en túnel que supoño que lle quitarían o alento a calquera responsable británico de protección civil que pasara por alí. No momento crucial do penalti, a cámara enfocou o rostro do xogador encargado de tiralo. Cando lle vin os ollos e a boca, non tiven necesidade de agardar. O medo que reflexaban anunciaba o desastre con antelación. Un sentimento parecido me asaltou onte cando lin nos periódicos a odisea dese barco noruegués que leva a bordo un grupo de afganos e que as autoridades australianas se negaron a deixar que tocase porto. Máis que o medo nos ollos dun futbolista asustado, a decisión do goberno dese país indica pánico. Ninguén debe ter dúbidas despois do visto, de que o penalti vai saír polo aire, fóra da portería, e que se producirá a derrota. É cuestión de tempo, pero a cousa está cantada. Por moitas alambradas que se levanten, por moitos militares especiais que se empreguen, por moitas medidas preventivas que se arbitren, ninguén poderá parar esa marea humana que se puxo en marcha e que avanza pouco a pouco contra as murallas dos países ricos, ó asalto. A súa indiferencia fronte ás dificultades, a súa falta de temor son o noso medo. Xa non lle poderemos meter o penalti. Menos mal, porque levan anos e anos sendo derrotados, con derrotas de fame. De momento, confórmanse co empate. Pero entre nós aínda hai moita xente empeñada en seguir gañando por cinco a cero.