NO RONSEL DE RAMÓN PIÑEIRO

La Voz

OPINIÓN

BENXAMÍN CASAL Ó MEU VER

28 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado martes foi o cabodano de Ramón Piñeiro. Agora que van aló 11 anos do seu pasamento é un bo momento para face-la súa acordanza, para lembra-la súa vida e a súa obra e reafirma-lo irreemprazable lugar que ocupou na reconstrucción de Galicia este home exemplar que, como se ten dito, foi mestre de moitos, corazón aberto e amigo de todos, porque aínda que só uns poucos tivémo-lo privilexio de estar ó seu carón, foron moitos os amigos que del recibiron a impronta do galeguismo. Todos, uns e outros, estamos hoxe no ronsel que deixou a fecunda vida de Ramón Piñeiro. A Piñeiro pode aplicárselle o que el mesmo dixera de Castelao, que «cada pobo vai realizando o seu íntimo ideal gracias á existencia dalgúns homes superiores», porque tamén, no seu caso, o paso do tempo vai dando a súa dimensión a través das persoas novas que manifestan interese por facer Galicia a partir da súa figura e dos desexos de estudiala e afondar nela. Nos eidos da cultura, da filosofía e da política revívese o ideario de Piñeiro, pero esa irradiación produce tamén seguementos oportunistas e distorsionados. A lingua É ben certo que o maxisterio do lancarés era aberto e que non pertence a ninguén máis que a Galicia, pero disto mesmo se deduce que non se pode invocar a Piñeiro para xustificar actitudes de abdicación fronte á lingua e así resucita-lo vello panorama, co que el quería acabar, dunha Galicia fendida entre unha minoría alienada e desprezadora e unha maioría sumisa a ese desprezo. Coa tolerancia de Piñeiro como pretexto non se pode postula-la indiferencia idiomática esquencendo que para el a linguaxe non é un simple elemento de comunicación, senón parte da nosa esencia e do noso ser. Un idioma, dixo, é unha creación colectiva, a máis grande creación dun pobo. E cando hoxe se fala de autoidentificación hai que ter presente que non é unha cuestión irrelevante a lingua que fala cadaquén, porque esta fala conforma a súa identidade. A Piñeiro se debe a configuración dun espacio político que, por estar baseado nos perfís máis característicos da nosa alma e da nosa historia, permite establecer fórmulas de convivencia estable entre os galegos, apartando, como ten dito Xaime Illa, o que é epidérmico e superficial e indo ó máis profundo do noso ser de galegos. Pero non pode pretenderse negar que a lingua está no cerne dese espacio e que é a verdadeira palanca para o noso desenvolvemento a través do tempo, porque nela está condensada a nosa auténtica forma de ser e de estar no mundo. Non pode ser doutro xeito, xa que a lingua é o paradigma da galeguidade e non pode substituírse por costumes, festas, folklore ou gastronomía. A necesidade de mante-la coherencia entre as citas piñeiráns e as actuacións políticas esixe saber que a través de Piñeiro só se pode chegar a un compromiso ético co país, que pasa por enriba non só de intereses partidarios, senón ata dos propiamente individuais.