HISTORIAS DO CONTRABANDO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

27 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Dicía don Ramón Otero Pedrayo que coas historias dos contrabandistas de don Florentino López Cuevillas, ó cal aludín onte aquí, se podía facer un excelente libro sobre ese mundo do paso clandestino das fronteiras. Supoño que sería un libro máis cómico que épico, pois o que divertía a don Floro eran as pequenas historias da xente común, non as grandes realizacións dos poderosos señores do contrabando. Na miña terra había algúns, incluso curas. En xeral, non estaban mal vistos, gozaban da consideración de xente audaz e destemida que se vale do propio enxeño para explotar a estupidez do artificio da raia. Cando eu era neno, contábanse historias. Circulou moito unha que pretendía que un dos capos máis coñecidos pasara cun cargamento pola alfándega, oculto nun lugar especial habilitado nos baixos do camión. Cando o descubriron, perdeu o sentido co medo. Mentres os gardas civiles o atendían, os seus fillos aproveitaron para pasar varios coches abarrotados por un paso que había máis abaixo. Pode que fora así, aínda que cheira a novela. O que non é novela foi o que descorreu en Ourense un grupo organizado que se dedicaba a embarcar xente para Venezuela, coa particularidade de que, despois de darlles un par de voltas en barco pola ría de Vigo, deixábanos en Cangas dicíndolles que desde a praia, andando, Caracas quedaba a pouco máis de media hora. Esto non era listeza especial, senón esa clase de trampas que se lle ocorren a calquera malvado en calquera parte do mundo. Un escritor italiano ten un conto sobre ese mesmo asunto, pero centrado en Sicilia. Na delincuencia non hai orixinalidade. Os ruíns non inventan nada novo, abóndalles buscar no propio corazón.