CARLOS CASARES Á MARXE
24 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Onte cumprín anos, aínda que en realidade debía dicir que estiven de cumpre, como din os nenos, porque pasei o día xogando cos trens eléctricos. Resulta que os rapaces me regalaron un paso a nivel e tiven que ensamblalo, primeiro, e buscarlle sitio na maqueta, despois. A continuación montei catro comboios, dous de vapor, un terceiro tirado por diesel e un cuarto con locomotora eléctrica. Portáronse ben, pois non tiven practicamente percances de ningún tipo, a non ser algún que outro choque por culpa miña, e un par de avarías menores no circuíto. De maneira que pasei un día bastante distraído e relaxado. Non digo completamente porque esto de xogar, no fondo, a min dame algo de mala conciencia. Por moito que trato de razoar comigo mesmo e convencerme de que nada hai de malo nin de estúpido nin de irresponsable en pasar o tempo como a un lle pete, sempre queda un pouso que se encarga de atoldar a transparencia que teñen as afeccións máis inocentes e convertelas en auga turbia e revolta. Todos debemos ter algo de calvinistas. O caso é que, ó rematar a tarde, antes de sentarme para escribir esta columna, collín un libro de Antón Tovar e púxenme a lelo por enésima vez. Titúlase El tren y las cosas e paréceme un dos bos poemarios que se publicaron en España nos últimos cincuenta anos. Trata do tren só circunstancialmente, aínda que este asunto, que constitúe o tema dalgunhas das mellores composicións do libro, non é o que domina no conxunto, a pesar do título. O poema dedicado ó xogo do tren, cando nas festas do nadal o pai se puña de máquina en cabeza, resulta espléndido. Onte serviume para curar a mala conciencia. A poesía cura case todo.