MEMORIAS E VERSOS

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

21 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Mans amigas, as de Teo Cardalda, fanme chegar un libro editado en México hai poucos meses. Escribiuno Rogelio Diz Fuentes, un arousán, da Lagoa (en Vilaxoán), que aínda vive no exilio. Naceu en fogar pobre, foi labrego e canteiro xa de neno, pasou fames de mozo, pero agora, con 90 anos, vive, case cego, do seu fillo Rogelio Diz Rubianes, colaborador preciso do libro autobiográfico Memorias, pensamientos y versos. Eu cheguei a Diz Fuentes por un programa de televisión que dirixía (ou conducía) Isabel Gemio. Foi a noite do 19 de abril de 1997. Nese programa, en xeral de superficialidades, a señora Gemio entrevistaba a seis superviventes do penal de San Cristóbal (Pamplona) fugados desa prisión o 22 de maio de 1938, fuga na que ningún dos seis (con centos de compañeiros) tivo sorte. A fuga do Fuerte de San Cristóbal, épica, xa ten suscitado libros importantes, entre eles o de Félix Sierra Hoyos, e eu, desde moi neno, teño noticias interesantes que lle oín, máis dunha vez, a un dos fugados (tamén sen éxito), José o Bóveda, de Ventosela, onde vive e onde o saudei hai poucos días. Unha semana despois do sorprendente programa, dous amigos arousáns, Gonzalo Bouza-Brey e Teo Cardalda, invitáronme a xantar en Vilagarcía na compaña de Rogelio Diz Fuentes e do seu fillo. Xantamos, brindamos e cantamos, pero tamén falamos de poesía, a propósito dun mollo de versos seus que eu xa coñecía en edición mecanografada. Porque Diz Fuentes, que a penas foi á escola, é un fistor, ou sexa, un home do pobo con algunha capacidade poética e excelentes dotes de versificador, xa demostradas sendo moi novo. É o autor, por exemplo, do Himno de la fuga, no que canta o episodio carcerario que tanto o marcou. Diz Fuentes, verbo disto, confesa: «Mis primeras composiciones las hacía sólo para mí, pues me apenaba que alguien las leyera. Usaba esa facilidad de rima para evadirme de las lentas horas del penal...». Así pois, como outros prisioneiros, para Diz Fuentes a poesía na prisión foi un exercicio de evasión. Rogelio Diz Fuentes, alleo á vida literaria, escribe os seus versos, desde moi novo, no idioma no que foi escolarizado, en castelán. En dúas ocasións, sen embargo, poetiza en galego, e nunha evoca a terra natal, «Un anaco de Vilaxoán / que vexo todos os días». Tamén en castelán evoca, desde a distancia, as terras e as xentes súas, pero, poeta (fistor) da España derrotada en 1939, canta a Antonio Machado, a García Lorca e ós que foron forzados a construíren a ignominia do Valle dos Caídos. E en prosa -en prosa que conmove- fala do asasinato do seu irmán Manuel, militante da CNT, que os falanxistas locais seguiron aldraxando despois de morto.