CARLOS CASARES Á MARXE
19 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Alegreime moito onte, cando vin neste mesmo periódico o artigo de Carlos Fernández sobre Serafín Ferro, un coruñés case esquecido. Foi unha figura curiosa. Poeta de orixe humilde e bohemio, viviu metido entre os grandes escritores da xeneración do 27, desde García Lorca ata Luis Cernuda, con quen parece que mantivo unha intensa relación amorosa. A primeira vez que me falou del Eduardo Blanco-Amor, estas cousas aínda non se podían comentar abertamente, de xeito que Eduardo me dixo que era «amigo íntimo de Cernuda». Hoxe todo o mundo sabe que este último lle dedicou algún poema de amor. Sobre Serafín Ferro, Blanco-Amor deixou escritas algunhas liñas. Nunha entrevista que eu lle fixen no ano 1973, contoume que na tertulia de Lorca, un día alguén recitou poemas de Pondal, e que o poeta andaluz expresou o seu entusiasmo con frases como «¡Fenomenal! ¡ Extraordinario! ¡Qué tío! ¿Dónde estaba este poeta?». Por alí andaba Serafín Ferro, xunto con outros galegos, como o propio Eduardo ou Ernesto Guerra Dacal. De Ferro, o autor de A esmorga díxome que era pequeno e moreniño, cunha mirada ferinte e un cabelo ensortellado que Lorca chamaba «cartaginés». Este tipo de pelo apréciase na foto que se incluía onte no periódico, tomada dun fotograma da película Sierra de Teruel, escrita e dirixida por André Malraux. O máis triste da historia deste mozo nacido no barrio coruñés de Monelos foi a súa morte, ocurrida no exilio mexicano cando tiña pouco máis de trinta anos. Morreu na indixencia dun hospital, pero co consolo de Guerra Dacal, que parece que lle levaba laranxas. Fose verdade ou non, será certo para sempre.