UN DESTINO PROPIO

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL PÁXINAS SOLTAS

18 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O domingo pasado dedicáronlle neste periódico toda unha páxina ó tema da menopausia, a propósito da noticia de que só tres de cada dez mulleres galegas acude a un xinecólogo cando chega a esa etapa: grandes titulares, bos comentarios sobre a conveniencia de consultar cun médico, un estupendo chiste de Xaquín Marín, e consellos útiles para mellorar a calidade de vida das menopaúsicas. ¡Para que logo digan que La Voz non é feminista! Tan ben feito estaba que sería redundante que eu volvese sobre o tema se non fose porque, falando das frecuentes depresións que se padecen nesa etapa, aparece unha visión da vida feminina contra a que xa doña Emilia Pardo Bazán clamou na súa época. É o que ela chamaba «o destino relativo das mulleres», que consiste en ver a vida destas sempre en función doutra persoa: fillos, marido, pais, irmáns, ou calquer individuo masculino a quen coidar. Nos comentarios do periódico deslízase a visión dunha muller de cincuenta anos que se deprime porque perdeu a súa capacidade reproductiva, porque os fillos vanse da casa e o marido está moi ocupado no seu traballo. Despois animan a esas mulleres a disfrutar «de todo o que antes non podía por falta de tempo ou polas responsabilidades», a saber: a lectura, a decoración, o deporte, as viaxes, ou unha tarde de sol para saír coas amigas... E para remate dan como a maior satisfacción posible a posibilidade de colmar de caprichos ós netos mentres eles aprenden ó nome da avoa. ¿Pero, que me están contando? ¿De que estamos a falar, da menopausia ou da xubilación? ¿Que ten que ver o fin das menstruacións co tempo do que unha muller dispón para o ocio? Sería estupendo chegar ó traballo e dicir: a partir de agora en vez de oito vou traballar só catro horas, porque, saben, estou menopáusica... ¡Quen o pillara! E polo que se refire á familia, ¿que imaxe de muller é isa que despois de criar ós fillos busca a súa meirande satisfacción en malcriar ós netos? Toda muller, traballe ou non fóra do fogar, sinte un valeiro cando os fillos se van da casa. Pasas de velos todos os días a velos de vez en cando, e eso doe. Pero esa dor e esa sensación de soedade non se combate volcándose nos netos, que tamén se irán. Hai que empezar a combatila moito antes de chegar ó climaterio. De feito empézase a combater no momento mesmo no que deixas de ser a filla de para ser ti mesma: un ser independente, autónomo, cun destino propio. Unha muller ha de ter moi claro que a súa vida é súa, e que non está en función de ninguén: nin fillos, nin pais, nin marido. Non é o anxo do fogar. É un ser humano, e como tal debe atopar o seu único e intransferible destino. Pero, ¡ai !, é un ser humano que deica os cincuenta anos ponse menopáusico, de modo que hai que atopar remedios para non pasalo mal cos sofocos, a perda de calcio e todas esas outras lerias. Din que botarse un amante é a mellor solución. Pero como eso non sempre é doado, voulles propoñer dous remedios prosaicos, pero eficaces e ó alcance de todo o mundo: aceite de onagra e soxa non transxénica. En cápsulas. De venda en farmacias e tendas de dietética. Unha boa saúde axuda a non desviarse do camiño propio.