CARLOS CASARES
15 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Coñecín e tratei moito a un filósofo español, xa desaparecido, que sen ser unha persoa divertida, senón máis ben un home serio, de conversa sempre interesante, ás veces convertíase nunha especie de coñón gracioso, capaz de facer rir a gargalladas ós seus interlocutores. Esto só ocorría, sen embargo, cando falaba mal de alguén, a pesar de que non era un individuo maledicente. E dentro dese terreo coutado, o seu talento verbal brillaba de xeito especial se elixía como víctima a un colega que falaba varios idiomas, pero que ó mesmo tempo parecía algo inocente. Un día díxome del: «Es un tonto superdotado». E despois aclaroume que, efectivamente, o citado colega podía improvisar unha conferencia en alemán ou en inglés, pero que era parvo. Referíase, sen dúbida, a algo que comentou tamén do mesmo filósofo a marquesa de Llanzol, unha muller de lingua tan rápida como a cabeza, que cando unha amiga, aludindo ó mencionado señor, con afán de desculpalo dixo que non tiña mundo, ela respondeulle: «No tiene mundo, ni demonio, ni carne». Estes días pasados deu a casualidade de que escoitei varias frases de moito enxeño, parecidas a estas que acabo de citar. Unha delas veu nun momento en que estaba falando cun amigo sobre unha terceira persoa, da que lle quería explicar delicadamente que, a pesar das aparencias, non tiña unha gran cabeza. El atalloume polo rápido: «Si, ese ten un gran prestixio de parvo». Unha frase tan cruel que só se redime pola intelixencia. A outra díxoma un amigo de Madrid, médico de profesión, que pasa as vacacións aquí. Referíndose ós mobles de moitas casas, sentenciou: «A la gente le encantan esos muebles estilo Remordimiento».