CLAUDIO QUINTILLÁN VALLEJO (Responsable de Medio Ambiente na CIG)
11 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A CIG-Administración autonómica vese na obriga de respostar a D. Mariano Scola Fernández, quen na representación de Afrifoga, so pretxto de «analizar o sector primario galego», fai un artigo incendiario en La Voz do día 22 de xullo, contra CC OO e CIG, loubando a política forestal do Partido Popular na Galiza. A Confederación Intersindical Galega ven denunciando dende moito antes da aparición de entidades de difícil catalogación, como a que preside o señor Scola, a situación de desfeita do sector montes dende o punto de vista do seu potencial xerador de recursos para o desenvolvemento local, para un medio rural plenamente integrado co resto do tecido agrario, elevando a súa renda, favorecendo o asentamento da poboación, actuando tamén no seu entorno humano, con criterios de sostibilidade. A actual política forestal, virándolle as costas á sociedade rural tradicionalmente ligada a estes recursos, fai que o mundo rural vaia esmorecendo, mentres os montes abandoados se inflaman un ano si e outro tamén... sen remedio. Os remedios da Xunta se basan no manexo de estatísticas de acordo co correspondente Infoga: miles de millóns de pesetas, quilómetros de cortalumes, unidades de camións cisterna, para ¿convencer ó lume? O lume non se deixa convencer. Dos 10.000 lumes anuais non baixamos, e os cartos consúmense por decenas e decenas de miles de millóns. Tamén a desfeita entre o persoal de extinción contratado é absoluta: contratos de tres meses sen formación, especialización nin prevención de riscos, con ata 4 tipos de persoal diferente. Lamentamos que Afrifoga non teña confianza nas posibilidades do monte galego, traballado e defendido polos seus propietarios. Pero claro, Afrifoga, unha máis das 8 ou 9 organizacións que forman parte da trama de Silvanus-Xóvenes Agricultores, ten os seus propios intereses e trata de ser fiel a quen lle nutre de fondos. É lóxico que Afrifoga estea a disgusto cun sector que se resiste a deixarse controlar; a mesma Afrifoga que é incapaz de explicar que fixo cos máis de cen millóns de pesetas anuais recibidos durante seis anos por un convenio de colaboración servido polo PP, para principalmente informar ás comunidades de montes. Tamén molestou quizais ó señor Scola e a Afrifoga, a denuncia presentada por CIG ante a fiscalía anticorrupción, actualmente a trámite no Tribunal Superior de Xustiza, na que se denunciaba como tráfico de influencias o réxime de axudas forestais do ano 2000, que afortunadamente foi rectificado no corrente ano 2001; e esa rectificación sería por algo. Só rematar dicindo que CIG coincide nestas posicións cos intereses e dereitos das comunidades de montes, e tamén das empresas que compiten limpamente ofertando os seus servicios no eido forestal. Arelamos un monte digno, productivo, moderno, sen lume, ben estructurado, coidado polos veciños apegados á súa terra, productiva, con presente e con futuro.